A historia da fotografía non pode ser unicamente a historia dunha técnica, pois como xa explicou Gisèle Freund, en Photographie et Societé, 1974, a historia sociolóxica, política e artística da fotografía, dende os seus precursores até os nosos días evidencia que a fotografía pode ser interpretada indistintamente como elemento de coñecemento e como obra de arte. No código xenético da fotografía está a súa capacidade para documentar, é unha tecnoloxía historicamente ao servizo da verdade que segue a exercer a súa función, a cámara non minte, aínda que o fotógrafo ou o editor si poderían facelo, por iso a fotografía sen manipular é a evidencia, o documento visual nun mundo contemporáneo cunha memoria construída en base a imaxes documentais.
O momento actual da historia da fotografía, a incorporación á historia da humanidade de cámaras persoais con capacidade de captura, almacenamento e difusión de imaxes, «puxo de manifesto a natureza fotográfica da nosa cultura e zarandeou algúns dos fundamentos que parecían formar parte indisociable do fotográfico», tal como conta Joan Fontcuberta en La cámara de Pandora, 2010.
A biografía como xénero literario e formato de coñecemento deu paso á foto-biografía. A capacidade do ser humano para realizar actos. coa intención implícita de ser documentados visualmente, é inherente á propia fotografía, basten como exemplos o Miliciano, 1936, de Robert Capa, ou El Beso,1950, de Robert Doisneau, pero máis aló da fotografía a humanidade mesma incorporou a posta en escena dos acontecementos para documentalos, logrando así deseñar no presente como seremos vistos no futuro.
O individuo xa ten a capacidade de construír a súa «auto-foto-biografía». Por outra parte, a crecente incorporación da fotografía a un amplo campo de prácticas artísticas imposibilita establecer as fronteiras que separan a fotografía dos outros medios. Como pregunta David Green en ¿Qué ha sido de la fotografía?, 2007, onde se sitúa a fotografía no complexo espazo creado polas tecnoloxías e sistemas de representación contemporáneos?
Os artistas contemporáneos borraron as fronteiras entre as diferentes disciplinas artísticas, agora as técnicas e mais os procedementos empregados xa só forman parte da canle de comunicación elixida, sexa esta a fotografía ou outra. No proxecto artístico Take my picture a fotografía é aparentemente o tema, mais o autor non ten interese en documentar os protagonistas das súas fotos, os fotógrafos e fotografados que captan imaxes de si mesmos construíndo a súa foto-biografía, senón que decide usar a tecnoloxía fotográfica dispoñible para crear imaxes cun claro interese pictórico, afondando na contradición de non documentar fidedignamente pese a traballar coa técnica adecuada para facelo.
Take my picture presenta a evolución sociolóxica, política e artística da fotografía contemporánea utilizando imaxes do seu autor, pero ao mesmo tempo proxecta na sala as imaxes e os vídeos que cada día soben a internet protagonistas populares publicando a súa foto-biografía, relacionando ademais estas imaxes con trascendentes imaxes foto-biográficas da historia recente, así as fotos do autor, quedan definitivamente relevadas da súa función narrativa podendo as súas imaxes adentrarse no grande asunto do seu traballo, pór un pé na fotografía abstracta na era da realidade documental.
+info do autor: xuliocorrea.com