TAMARA WASSAF

Del sentimiento de no estar del todo

Espazo de Arte Roberto Verino | Ourense
do 2 de novembro ao 31 de decembro 2017
Festival Outono Fotográfico
 
Nova Galeria do Largo do Paço | Braga
do 21 de setembro ao 28 de outubro de 2018
Festival Encontros da Imagem
 
Curador: Vítor Nieves

S  O  M  O  S     Á     V  E  Z     A  R  A  Ñ  A     E     M  O  S  C  A

Ter o sentimento de non estar ao cento por cento é algo que nos pode pasar con certa frecuencia, nomeadamente cando se posúe a poderosa capacidade de abstracción para a análise en varios tempos do espazo que se habita en cada momento.

Tamara Wassaf apreséntanos este ensaio fotográfico cun cabezallo que nos leva a pensar no relato de Julio Cortázar. Andaba o arxentino na década dos 60 do século pasado, cando publica «La vuelta al día en 80 mundos» (de onde a autora saca o título), mergullado na súa época máis política e revolucionaria. Da pronta lectura desta obra vemos como o autor dialoga de avances musicais, de vangardas artísticas ou até de xeitos de vida, cun Estados Unidos xa puxante e influinte noutros países. Logo da publicación póstuma de obras desta mesma época, puidose construír unha análise radicalmente diferente e ver como o que realmente estaba a criar era un dircurso identitario latinoamericano.

Cartel da exposición en Braga

É con certeza o mesmo que nos traslada a autora neste traballo: servíndose de algúns artificios estéticos vai experimentando formas e seres nun intento por se externalizar e facerse corpo fóra dela procurando un discurso que lle sexa válido para ela, mais extrapolable a moitos corpos, nomeadamente de mulleres. Só nese proceso de cousificación do seu corpo vai vendo posibilidades identitarias das que se arma para se enfrentar aos retos diarios. Así explora a noción de ‘retrato expandido’ para indagar alén do corpo, descarnándoo e facéndoo pregos no espazo.

Traballa desde o conceito contemporáneo de ‘Paisaxe intimista’, unha paisaxe simbólica que deslea os límites entre a realidade e a representación. É por iso que escolle espazos concretos que lle serven como testimonios íntimos da relación corpo-entorno. As localizacións onde fotografa axúdanlle a criar esa Paixase e a construír un relato actual nostálxico situado en moitos tempos posibles, movéndose simultáneamente entre a memoria e o anhelo.

Imaxe após imaxe percibimos o xogo da multiplicidade de formas de habitar un espazo baleiro a medida que a autora vai debullando as ideas contrapostas corpo-ausencia. É tamén polo que se apropia de obxectos que definen a través de formas e cores, até de cheiros, o suxeito que fotografa: a identidade que procura.

Como o seu compatriota escritor, a autora é «unha desas crianzas que desde o comezo levan consigo á adulta, de xeito que cando a monstruiña chega verdadeiramente a adulta ocorre que tamén esta leva consigo á crianza, e no medio do camino dase unha coexistencia poucas veces pacífica […] isto manifestase no sentimento de non estar de todo en calquera das estruturas, das teas que arma a vida e nas que somos á vez araña e mosca.»*

Estar e non estar de todo, estar aquí e ser de alén, ou estar alén co sotaque de aquí é algo que marca a calquera emigrante. A condición de estranxeira de Tamara tamén é algo condicionante na súa obra que se fai palpable no uso de espazos, na habitación de lugares, quizais tentando arraigarse e estar. De unha vez por todas.
 

Vítor Nieves. Curador da exposición


*Cita de La vuelta al día en 80 mundos de Julio Cortázar


Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves falan da 35ª edición do Outono Fotográfico, entre elas, a de Tamara Wassaf.


Tamara Wassaf fala do seu traballo na inauguración da exposición.


Vitor Nieves fala da exposición de Tamara Wassaf.

+info da autora: tamarawassaf.com