IRENE CRUZ

Urlaub

Dispara | A Estrada (Pontevedra)
do 21 de novembro de 2014 ao 15 de xaneiro de 2015
Curador: Vítor Nieves
 

O vacío, o vacante ou o desocupado, son algunhas das ideas que ocupan a Irene Cruz na súa última serie fotográfica Urlaub: Vacacións: aposento e recuperación.
Unha ansia de baleiro inunda a súa obra. A vacuidade das árbores peladas, a casa deshabitada, o ceo descuberto dun azul frío e tenue, o camiño solitario ou a nora abandonada. É unha vacuidade necesaria; a de baleirarse para voltar a se encher dun propio, para recuperarse. Así enfía Irene Cruz a súa reflexión en torno á idea de vacacións: “Vacation: from vacare: Be unoccupied”. Na antigüidade entendíase así tamén, como un retiro do tumulto da cidade para recuperarse, retroceder a un estado primario e, finalmente, reencontrarse con un mesmo. Neste sentido a artista retoma o concepto que vertebra a súa obra, a volta á natureza, entendida esta como sistema que rexe o cosmos, do que procedemos e co que debemos reencontrarnos nun constante fluír, para desencher e revitalizarnos.
Mais é unha vacuidade ansiada; que aínda que se reflicte esteticamente en moitos motivos da serie, fica coma un simple esbozo insinuado. As cancelas impiden o paso ao lugar devecido; así e todo, a figura trata de xirar coa nora, afunde os seus pés no bulleiro ou se eleva coas árbores, nun afán de transustanciación parello ao seu sentido monista do mundo.
A paisaxe outonal e a nora baleira desdobran a idea de vacacións que da título á obra. O antigo parque de atraccións Spreepark (Berlín), lugar de vacacións, tómase agora as súas, deshabitado e en ruínas, cuberto pola vexetación outonal que resalta a súa decadencia. A sensación é, a partires de aí, ambigua e perturbadora, propia do Stimmungslandschaft (paisaxe emocional) do romanticismo alemán que a artista captou xa en series anteriores. O título en alemán Urlaub (Vacacións) fai referencia a isto. As ruínas góticas de Caspar David Friedrich foron substituídas polas da civilización moderna e o seu intento por ocupar o tempo e restablecer o lúdico, nun retiro no que, ao dar voltas na nora, sexa posíbel retroceder no tempo, até reencontrarse coa crianza que foi. Agora o parque está pechado ás visitas, é un lugar prohibido, no que a maleza se fundiu cos obxectos, o retiro non é posíbel, e só o vento fai xirar a nora.
Múltiples cavilacións se entretecen nesta última serie de Irene Cruz aínda que, como é común na súa obra, culminan nunha profunda reflexión sobre a natureza, e esta vez ademais sobre o tempo e o lugar, ou máis ben a ausencia destes: o baleiro. A realización deste proxecto tamén supuxo unha sorte de reencontro para a artista, coa luz que inspirou a súa primeira serie Inner Tales (2011) en Berlín; así como un retroceso a un proxecto que iniciou en maio, na Primavera exuberante desta cidade e recuperou nos últimos días de outono, pois só nestes, pode captar o tenue azul que inunda as súas fotografías.

+info da autora: irenecruz.com