LINDSAY MORRIS

You are You

Centro Cultural Marcos Valcárcel | Ourense
do 30 de outubro ao 14 de decembro de 2014
Curador: Vítor Nieves

TI ES QUEN ES

Esta premisa, provén directamente dos primixenios debates que desembocaron no que deu en coñecerse como Teoría Queer a finais dos 80, é a única etiqueta que se lle permite a este conxunto de imaxes que configura esta exposición enmarcada no festival Outono Fotográfico, que nesta edición traballa en torno á temática da Identidade e a Alteridade, traendo por primeira vez á Europa un traballo de Lindsay Morris.

O documental que Lindsay presenta para o Outono Fotográfico é o resultado do seu paso por unha escola de verán para crianzas de xénero non definido e as súas familias. Este campamento ofrece un refuxio temporal seguro onde se poden expresar libremente xunto ás súas nais, pais, irmás e irmáns, sen sentir a necesidade de ocultarse ou reprimirse. A autora comezou as visitas á escola no 2007 cun familiar seu, mais o traballo non se fixo público até 2012, logo de que os pais, nais e crianzas do campamento accederon, con grande valor, a que as imaxes seleccionadas foran publicadas en portada do New York Times Magazine. Debido ao grande interese sobre este tema a nivel mundial, este traballo tense editado en publicacións de Francia, Italia, Alemaña, Israel e Australia, entre outras.

Nesta exposición, a autora fai visíbel a fraxilidade do limite entre os xéneros, que non son mais que o resultado dunha construción social e porén non están necesaria ou biolóxicamente inscritos na natureza humana, senón que se trata de xeitos socialmente variábeis. Aliás, este documental lévanos á rutina e intimidade de persoas en pleno proceso de aprendizaxe, xusto nos anos cruciais onde se solidifica a identidade vencellada ao xénero, ese xénero que normalmente é entendido como unha cuestión puramente xenital.

Ao longo das imaxes que presenta Lindsay, vanse debullando pequenas microhistorias relacionadas entre si, presentadas cunha normalidade abraiante que desmitifica a separación desas convencións sociais que xustifican os roles aprendidos por imposición sociocultural, os coñecidos como straights (ou «rectos») nos que se definen desde a heteronormalidade ao home e á muller (non precisamente nun plano de igualdade) e que invisibilizan outras formas de cohabitación estigmatizándoas. Pola contra, estas fotos, lévannos aos queer (ou «torcidos») nese desenvolvemento teórico que se apropia do termo pexorativo para normalizalo, do que nos servimos para entender que todas as identidades son igualmente anómalas, pois as clasificacións sociais non só se establecen desde a psicoloxía, filosofía, socioloxía ou a antropoloxía, senón que se elaboran de xeito máis complexo como intersección de múltiples grupos, correntes e criterios.

A partilla desta historia, pretende ir alén dos límites das etiquetas para contribuír a un diálogo sobre o papel crucial do apoio e entendemento dunha nova xeración que por primeira vez pode ser criada sen estigmatizacións e castigos morais para seren senlleiras/os sen as constantes labazadas da incomprensión a cerca da identidade de xénero e as formas en que estas crianzas se expresan a cotío, que leva a unha permanente discriminación. Alguén é quen de dicir onde está o límite da normalidade?

Vítor Nieves. Curador.


Entrevista a Vítor Nieves, curador da exposición.


Vídeo da exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense)


Rolda de prensa de presentación da exposición.

+info da autora: lindasycmorris.com