Mais unha vez, o Outono Fotográfico achéganos unha outra reflexión sobre a ‘Descrenza’, temática central desta 35ª edición do festival internacional. Nesta ocasión servíndose da escenificación na fotografía, un xénero propio que ten servido aos artistas nomeadamente a partires da década dos oitenta do século pasado a contar historias dun xeito diferente e a facer crer e descrer á vontade á espectadora ou espectador historias de dubidosa procedencia.
A fotografía foi históricamente vinculada á documentación, e ainda a día de hoxe se segue a usar para documentar. Paradóxicamente, desde o seu nacemento, a fotografía nunca foi fiel á realidade e foron moitos os momentos en que foi usada para cambiar a historia ou acreditar unha realidade construida. A Staged Photography ou Fotografía Escenificada, sérvese desta premisa para criar imaxes que poden ou non ter vencellos cunha historia real.
No caso que nos apresenta Rojo Sache, cada peza é o garante dun suceso acontecido con grande divulgación mediática e expectativa social. A parella artística sérvese das historias dos crimes máis coñecidos da imprensa para documentalos nunha onírica representación na que a paisaxe pasa a ser unha testemuña silenciosa e até cómplice de feitos abominábeis. As localizacións xeran unha certa tensión derivada dun isolamento que é quen de gardar terríbeis segredos, os que constrúen cada historia.
Malia partir de historias tiradas dos xornais, Rojo Sache trata de non dar demasiadas pistas, mantendo o misticismo e interese en torno á historia. Só introducen pequenos elementos e accións que son cruciais para as identificar, eliminando o resto para acadar unha imaxe onírica que ben podía ilustrar un conto ou até ser pendurada no propio despacho de quen xulgou aos asesinos sen perceber o que a imaxe entraña.
Vítor Nieves. Curador
Estrevista a Vítor Nieves sobre do traballo de Rojo Sache.
+info dos autores: rojosache.com