Et in Arcadia ego Arcadia non existe. É ese locus amoenus, o lugar soñado creado no pensamento e descrito por numerosos artistas ao longo da historia. Fai referencia a un territorio utópico no que a persoa vive en harmonía co medio que a rodea, onde non se establecen relacións antropocéntricas, un modo de vida paradisíaco, non corrompido pola civilización.
Este ensaio fotográfico que presenta o Outono Fotográfico nesta edición que leva por lema o Dentro|Fóra é unha reflexión sobre a supremacía da orde natural por riba da vontade humana, o diálogo da individualidade coa inconmensurabilidade do todo. A Arcadia da que nos fala Aida Pascual pretende ser unha liberación da realidade máis inmediata, unha fuxida no espazo e no tempo saturada de unha constante procura da serenidade nos confíns do illamento.
A artista logra captar o preciso instante que leva á espectadora á suspensión entre o devir e o desvanecerse mostrando escenas, que alén da esteticidade imperante, son quen de levarnos ao dramatismo a través da poderosa inmensidade que posúen, unha inmensidade que constata a insignificancia humana na propia presenza da especie-soberana, anecdótica en cada frame.
Así, Arcadia, como o resto de ensaios da artista, traballa cos conceptos clásicos do pensamento tan presentes ao longo da historia da arte. Aprópiase da infinidade da natureza para falar dos conceptos de eternidade fronte á finitude orgánica que acompaña –e atemoriza– á especie humana.
Vítor Nieves. Curador
+info da autora: aidapascual.com