PATRICIA PETTITT

Labirinto de espellos

Espazo de Arte Roberto Verino | Ourense
do 8 de novembro de 2021 ao 7 de xaneiro de 2022
Curador: Vítor Nieves
Organiza: Asoc. Outono Fotográfico
Produción: IPCI (Instituto de Produção Cultural e Imagem)

Ao longo do s.XX moitas artistas, como as fotógrafas da Nova Visión ou as surrealistas, empregaron a posta en escena fotográfica como un poderoso estilo criativo. Foron as precursoras da denominada Fotografía Escenificada (Staged Photography), termo que se comeza a empregar con certa normalidade na década dos oitenta do século pasado, mentres se intensificaba o debate sobre a validez e o uso da fotografía documental. Xusto no momento no que se toma conciencia de que, na fotografía, o límite entre realidade e ficción é confuso. É entón cando este tipo de fotografia se diversifica e se afirma coma un xénero en crecemento exponencial.

As fotógrafas convértense en escenógrafas e deixan de captar a realidade para construíla, abrindo unha grande xanela cara a ficción e pondo en dúbida a noción mesma de realidade.

Na Fotografía Escenificada, vemos a cotío a modelos como un elemento crucial para compor a imaxe e imprescindíbel para artellar o conceito. Por veces, é a propia autora a que interactúa e entra na súa propia obra, como no caso de Patricia Pettitt, até tendo diferentes papeis con identidades ficticias.

Deste xeito queda latente a pegada da artista na súa obra, máis que en calquera outro xénero fotográfico: os códigos da Fotografía Escenificada levan á propia artista, na maioría dos casos, a autorretratarse, concedéndose o privilexio de formar parte do mundo que cría, e, de paso, asegurando a súa permanencia na arte.

É posíbel que un dos precursores da Fotografía Escenificada sexa Oscar Gustav Rejlander (Suecia, 1813-1875) que en 1857 presentou públicamente a súa obra «Os dous camiños da vida», unha imaxe resultante de misturar unha morea de negativos. Sen dúbida, a súa personalidade e a súa obra, foron quen de influír en Henry Peach Robinson (Inglaterra 1830-1901) que os historiadores da fotografía arquivan no capítulo do pictorialismo malia a ser un grande referente da Staged Photography.

Mais se nos mergullamos na historia do medio, percibiremos como fotografía e escenificación van de mans dadas desde o seu comezo: Hippolite Bayard (Francia, 1801-1887), considerado un dos inventores da fotografía, autorretrátase morto, no que parece a representación do seu fracaso no intento de liderar a descuberta da fixación das imaxes a través da luz.

A Fotografía Escenificada goza na actualidade de ampla aceptación no mundo da arte, e grandes figuras traballan cos códigos propios do xénero, que foi enriquecéndose (ou contaminándose) de gramáticas da linguaxe publicitaria, da pintura ou do cinema. Como Patricia Pettitt, moitas autoras traballan indistintamente nunha ou noutra disciplina.

Por nomear só tres exemplos, que de seguro foron referentes e fontes de inspiración para a nosa autora, falaremos de Erwin Olaf (Holanda, 1959) e David Lachapelle (EE.UU. 1963) que alén de artistas, son tamén fotógrafos de publicidade e moda. O seu traballo comercial tende redes complicadas co artístico até o punto de ser perigosamente próximo. Lachapelle, ademais, ten feito varios traballos de dirección en producións audiovisuais (nomeadamente videoclips de celebrities americanas). A aprendizaxe na iluminación e na dirección das escenografías e modelos, tamén lle valeu a Cindy Sherman (EE.UU, 1954) para traballar no cinema.

O control da iluminación, a dirección de personaxes, a escenificación dos espazos, e as referencias a longas historias que cada imaxe comunica, quizais revele que a Fotografía Escenificada, é produto do desexo de ter controlada unha realidade que se nos escapa, mais que, se podemos fotografar, nalgún momento foi realidade, malia o carácter efémero.

O Labirinto de Pettitt

Esta exposición parte do proxecto Hall of mirrors que a autora comezou en 2019, e segue a desenvolver como un proxecto que, até agora, se postula como vital.

A autora ten a constante necesidade de explorar o mundo que a rodea desde unha perspectiva emocional na que as súas personaxes femininas parecen distantes e inquebrantábeis, coma se fosen afastadas da realidade. Así, Labirinto de Espellos é unha narración ficticia e non liñal, coa que podemos ser testemuñas dun intenso momento psicolóxico da personaxe principal.

As imaxes de cores saturadas e a luz dramática, típicas na Fotografía Escenificada, na obra de Pettitt, por un lado intensifican a ambigüidade dunha muller que parece existir nun limbo entre o mundo real e o imaxinario, onde os seus máis profundos desexos e medos atopan espazo para penetrar na súa realidade. E por outro, acentúa a carga emocional da personaxe, levando á espectadora a unha dualidade que zigzaguea entre o onírico e o terreal.

Esta muller parece estar ausente ou en profunda reflexión, xa que, en paralelo ao calmo mundo estetizado que vemos fotografado, existe outro interno que se antolla invisíbel e omnipresente, e que exerce unha enorme influencia na protagonista. Como espellos, estas imaxes reflicten as preguntas que fai a personaxe sobre quen somos e quen realmente desexavamos ser.

A protagonista habita os espazos case sen estar neles, e, a medida que se nos mostra nos diferentes frames, coma se dun filme se tratase, vemos como se aferra ao pouco que lle queda, botando man dos grandes cuestionamentos existenciais sobre a liberdade, a convivencia e a soidade.

Labirinto de espellos semella unha metáfora do camiño vertixinoso que emprendeu a sociedade urbana e global, na que o peso das apariencias e o desexo de pertenza, esconden a soidade imperante e anulan a ansia de liberdade.

Ao longo das imaxes que individualmente serían inocuas, neste contexto abordan e pon en dúbida temas como a feminidade, a intimidade e o desexo, e a influencia destes nas nosas identidades. A imaxe que proxectamos e a que temos. A selfie e o que vemos no espello, un labirinto de imaxes que nos atrapa para vivir nunha constante ficción.

Vítor Nieves, curador.

Vídeo da exposición.
Entrevista a Patricia Pettitt de Marina Sánchez (Canal Cultura)

+ info da artista aquí.