MARTA MOREIRAS

Finis Terræ

Galería Sargadelos | Compostela
do 4 de novembro ao 5 de xaneiro de 2015
Curador: Vítor Nieves

Collín a miña arma, as municións, e partín. Percorrín o territorio da non luz, ás apalpadelas… orientándome polas estrelas, adiviñando límites infranqueábeis a través do seu húmido aroma ou polas furtivas sombras apenas debuxadas no baleiro, buscando a fin do mundo. O finis terræ. Son cazadora de imaxes e furtiva da liberdade; gosto de lle roubar á noite a súa alma, constatar que os límites son incertos e vivos, que o marabilloso azul que se oculta na negrura da noite se manifesta a penas alterado pola frivolidade efémera das pegadas humanas.

Outros din que as súas imaxes son iconas do país Galiza; que a Terra e o Mar difusos non son mais ca os soños dos míticos seres que habitan outra dimensión do Finis Terræ. Outros din, que realmente, Marta-cazadora, se cobra ditos soños e nolos mostra para que ad-miremos a grandeza dos soñadores e tracemos cara eles a ponte da historia común, a nosa identidade. Eles e nós somos un e só intrépidas incursións de solitarias aventureiras son permitidas nesa ponte.

Pode ser, pero son fotógrafa, esencialmente, e polo tanto aliméntome da viaxe pola vida e polos soños, e apropiome de realidades ou fantasías, dá igual, que descubro, que só a min se me mostran e que me fan sentir ese pracer tenso de compartilo con vós, de mostrar o que vexo no límite do mundo, o que capturo no comezo da fotografía.

Xosé Lois Vázquez


Marta Moreiras presenta a exposición de Compostela ante os medios en Ourense.

+info da autora: martamoreiras.com

Esta web utiliza cookies. Podes ver a política de cookies. Se continúas navegando estás a aceptala!    VER