XOSÉ LOIS VÁZQUEZ

Multiverso, dous ítems e sete estrelas

Espazo de Arte Roberto Verino | Ourense
do 9 de xaneiro ao 2 de marzo de 2020
Curador: Vítor Nieves

Multiverso, ítem, estrela. Luz, translúcido, opaco. Brillo, aveludado, satinado. Colorimetría, profundidade, contraste. Vertical, fuga, apaisado. Nitidez, saturación, claroscuro. Escultura, land-art, fotografía.

Quizais sexa iso o que define a obra de Xosé Lois Vázquez. Todo. Todo e o contrario. «Son eu, moitos eus…»[1] dicía o seu alter ego Ladrillita. Estamos ante un artista incansábelmente antiacademicista, criador irreverente,  corpo multidisciplinar e mente con sede xeracional que mora na criación constante, na comunicación comprometida, na reflexión dixerida e na templanza que dá a experiencia.

O Che (permíteme que use o seu alcume) móstrase en Ourense xusto 20 anos despois da publicación do seu primeiro libro de artista. Un libro –do formato que adora, o cadrado– que nunca mostrará, porque nunca quere falar nin del mesmo nin da súa obra, mais que se este país acaba tendo unha historia xusta, terá que entrar no ranking dos mellores libros de fotografía daquela década. A publicación estaba dividida en catro series: Viaxe Interior (1988 -1989) apresentada no Museo Municipal de Ourense, Lar Nail (1990 -1991) exposta no Palacete Embarcadero de Santander, Edén (1995) exposta na galería El Caballo de Troya de Madrid e Fotografía Transitiva (2000) exposta tamén no Museo Municipal no marco do Outono Fotográfico, dez anos antes de ser o director deste festival.

Se cada persoa é un mundo, o Che é un universo múltiple en si mesmo e quizais por iso, desde hai varias décadas, alén de construír os obxectos a fotografar, pensa e ilumina os espazos que intervén para logo existiren só a través da toma fotográfica. É un proceso case científico para criar minuciosas xanelas a novas galaxias ateigadas de narracións e poéticas que apelan ao pracer e á reflexión.

Se botamos a ollada cara atrás no percurso da súa obra vemos como se reinventa cada volta, (re)criándose a si mesmo, como sempre fixo, e sabéndose rodear dos mellores armadanzas aos que lles sabe transmitir o coñecemento e dos que respira longos pensamentos. Todo iso vaise plasmando na súa obras que non é máis que unha criación extendida, unha vida dedicada á arte, ao deseño e á comunicación no sentido máis amplo da palabra. Tanto, que os seus oficios son unha lista inacabábel coma os monicreques, a edición, a fotografía, a escultura, a curadoría, a xestión cultural ou o deseño (gráfico, expositivo, de produto…) Son tantas as súas paixóns que nunca para de xerar, crear e traballar. De xeito que a calquera lle parecería enfermizo.

En «Multiverso, dous ítems e sete estrelas» convídanos de novo a viaxar polo seu rico e inexcrutábel mundo ao que chegou, nas súas propias palabras, «nun voo nocturno de recoñecemento militar, disposto a voarlle a cabeza ao inimigo: pero antes, xusto antes da autoeliminación, xurdiu o perfil poderoso de montañas coñecidas recortadas cunha nova luz que aumentaba o desexo de conquista; apareceron novas xeografías contraídas pola atracción dos astros e o “tempo” oriental, sen paralelos, nin latitudes penosas, con texturas definitivas […] un mundo ao que entrar pola porta do amor ou pola do odio, ámbalas dúas de algodón xaspeado rosa e roxo».

Así, apreséntanos unha escolma das últimas series pondo en diálogo imaxes de «Crin que non volvías» (2008), «Arquitecturas do desastre» (2011 – 2013) e a inédita «Setestrelos» (2016). Na primeira é onde probábelmente encontramos ao Che máis recoñecíbel, eses Multiversos de pegada inconfundíbel do arquitecto, do deseñador, do técnico, do iluminador, do escultor, do escenógrafo e do teórico que tanto nos ten (de)mostrado, coma na icónica «Eden#a». Son imaxes nas que toma consciencia da importancia da escala e móvese na tridimensionalidade case mellor que no seu medio natural das dúas dimensións para modificar a sucesión gradual dos tamaños concitando á nosa capacidade de análise e perspicacia para establecer un marco de fabulación: o engano contruido na modificación da escala funciona nunha dupla dirección que balanza entre a negación crítica e a fabulación dunha nova realidade.

Os dous Ítems de «Arquitecturas do desastre» están máis perto do arquitectónico e o escultórico. A fotografía é un vulgar mediador que intelectualiza o proceso para a súa transmisión, mais que a simple reprodución é testemuña per se dunha nova realidade. Nunha clara pretensión de catalogación industrial ainda xoga unha e outra vez coa escala (na toma, na edición e na produción) para erradicar calquera pretensión de realidade obxectiva (ou o que cada un/unha entende por iso) para reflexionar sobre cuestións que teñen a ver co individuo e a sociedade, a individualidade e o colectivo. Estas imaxes colocan irremediávelmente ao espectador ou espectadora nun pos-mundo onde a luz é tenue, os relatos inventados e a consciencia dubidosa. Semella que Xose Lois era consciente, malia aos 3 anos de diferencia na criación, de que esas imaxes querían prepararnos para o non-mundo de «Setestrelos» que viña, as Sete Estrelas que pechan esta exposición onde as gallas convértense na alegoría dun novo refugallo no medio e medio da longa escala diafragmática, e auguran, mais unha vez, que outro mundo está por vir.

Xosé Lois Vázquez naceu na década na que naceron as grandes exposicións na Europa e nos EUA., aquelas que cambiaron o modo de consumir a arte. De prolongadas conversas que tiven con el vou tirando coincidencias con grandes xestores e curadores. O barroquismo na reflexión ou o lado máis romántico parece traído directamente de James Johnson Sweeney, con quen partilla o pensamento de que a experiencia estética é un territorio explorábel e que se debe pór en dúbida con esa natureza activista que o caracteriza polos varios compromisos froito do constante enfrontamento aos varios réximes que tivo e ten que vivir, algúns máis democráticos que outros.

Mais a súa formación como artista é nos anos setenta, década que trouxo grandes mudanzas na práctica artística, como a Kunsthalle que foi o primeiro espazo definido como un laboratorio no que as cousas podían pórse a proba sen as pretensións do éxito do público nin de centos de metros cadrados a ocupar. Este paradigma, perdido actualmente pola maioría dos xestores culturais e artistas que procuran máis un autobombo ca unha reinvención e posta a proba constante, segue latente na obra do Che.

Nesta exposición podemos ver xeitos de facer recurrentes. Para el a fotografía nunca será un acto neutro[2] e en esencia é contraditoria: actúa como conxelación dun evento/instante; mais ao mesmo tempo acciona os nosos mecanismos culturais excitando a nosa curiosidade de saber e apelar aos nosos coñecementos emocionais e éticos preexistentes. Nesa contraditoria esencia radica o seu poder[3]. A fotografía, entón, só habita na fronteira, sempre negociando entre o que xa non será e a pantasma do que foi[4].

Ainda que foi no s. XX cando os fotógrafos da Nova Visión e os surrealistas empregaron  a posta en escena fotográfica como un poderoso estilo criativo, sendo os precursores da denominada Staged Photography (fotografía escenificada), este termo comeza a empregarse con certa normalidade nos 80, paralelamente á intensificación do debate sobre a capacidade de reprodución da veracidade da fotografía. É nese momento cando Xosé Lois Vázquez se consolida como artista e como fotógrafo, polo que desde as súas primeiras fotografías podemos ver unha evolución que parte desa premisa que poucos artistas estaban a explorar nesa década.

Artista redondo, maestro e, por encima de todo, pensador e humano, é «pel curtida e tinguida pola luz da liberdade… que foi. Son terra de terra, ladrillo de obra traído e levado polas ondas do mar até deixar as arestas na viaxe, canto rodado amábel…»[5]

Escenificacións, documentacións, ensoñacións. Contemplatividades, agresións, descansos. Reflexións, veracidades, poesías. Humanismos, animalismos, políticas. Loci amoeni, ab aeterno, ex nihilo. Multiversos, ítems, estrelas.

Vítor Nieves. Curador da Exposición


[1] Extraido do poema atribuído a Ladrillita, publicado no Catálogo do XXXII Outono Fotográfico (2014).

[2] Do texto «Identidade – Alteridade: a repulsa ou a posesión do outro» de Xosé Lois Vázquez. Publicado no Catálogo do XXXII Outono Fotográfico (2014).

[3] Do texto «Lange Natch aus Stein» de Xosé Lois Vázquez. Publicado no Catálogo do XXXI Outono Fotográfico (2013).

[4] Do texto «Na fronteira!» de Xosé Lois Vázquez. Publicado no Catálogo do XXXII Outono Fotográfico (2012).

[5] Extraido do poema atribuído a Ladrillita, publicado no Catálogo do XXXII Outono Fotográfico (2014).


Falan da exposición no Zigzag da TVG.

+info sobre o autor: edenia.org