MARTA BISBAL

Kosmos

Espazo de Arte Roberto Verino | Ourense
do 2 ao 30 de novembro de 2016
Curador: Vítor Nieves

Inauguración de KOSMOS de Marta Bisbal. OF2016

Kosmos enmárcase de cheo na temática do festival na que foi exposta, o Outono Fotográfico, que levou neste ano o lema Dentro-Fóra como fio condutor de todos os proxectos expositivos. Este ensaio fotográfico xoga co que, se cadra, é a postura máis deontolóxica da fotografía: a luz e a interacción desta no espazo.

A exposición divídese en dúas partes. Unha delas presentada en soporte fotográfico con imaxes seriadas que documentan o percurso da luz, e a outra é unha peza de vídeo na que dun xeito contemplativo se vai debullando a ocupación da luz nos espazos e a contemplatividade de Bisbal –que inunda a construción deste ensaio– pondo de manifesto un outro xeito de facer arte que contrasta coa rapidez consumista que impera no mundo da fotografía contemporánea.

Kosmos é a documentación do transcurso da luz, mais tamén do silencio e a inmobilidade. A artista, logo dunha minuciosa observación da súa contorna máis próxima, propiciada por unha mudanza e o enfrontamento a unha nova vivenda baleira, decatouse do que acontecía nas paredes: un espectáculo de luces e sombras en danza co movemento cósmico, a luz escinifica o seu devir integrado diariamente con perfecta exactitude, polo que di a artista que «estamos a falar da elocuente manifestación do Kosmos grego», co que fai unha chiscadela para explicar a sincronía universal na que impera unha orde esencial que o permea todo.

Vítor Nieves, curador da exposicion

+info da autora: martabisbal.com