ARMINDO SALGUEIRO

Vanity

Museo Municipal de Ourense | Ourense
do 21 de novembro ao 9 de decembro de 2012
Curador: Vítor Nieves


Os informativos da TVG falan da exposición.

Os mass-media, a publicidade e as imaxes telemáticas fagocitan, superan e desbordan as premisas artísticas da modernidade até extremos fascinantes e pulan pola fragmentación, a horizontalidade dos referentes, a anarquía dos signos, o colaxe, a perda do sentido, a preeminencia de iconas e significantes e a rotura dos límites até invadir realidade e mundo. Namentres a arte loita por perder a súa condición de obxecto cultural e racha a súa relación coa produción, a exposición e a contemplación estética situando as obras na intervención, a secuencialidade, o proceso e a interactividade. Obxectos e acontecementos son elevados a rango artístico.

Ocupan o podio, o marco, a base que violentamente pateou o artista moderno e convértese na obra de arte, xa non pola intención ou decisión do/a artista, como fixo Duchamp co mexadoiro, se non por vontade da empresa: morte da arte e explosión das artes, abolición da distinción da individualidade. Calquera obxecto se fetichiza, expón e inflaciona como obra de arte nos museos, un éxito futbolístico de Ronaldo compárase ao goce de contemplación estética dunha catedral, os refugallos dos happenings móstranse en vitrinas. Nos móbiles, coches, iogures e compresas hixiénicas proclaman a liberdade das revolucións románticas e modernas, onde o «faite libre» é agora consigna ética do consumo de masas. A confusión e amalgama dos significantes é tal que todo se mestura e se funde nunha mensaxe pegañenta máis perceptiva e semántica de imaxes, conceptos e palabras que, como marea negra, es- téndese no espazo público-psíquico co descaro do que non coñece contención.

As imaxes apodéranse da produción do «mundo» e estilízano de tal xeito que o máis terríbel adquire unha percepción da irrealidade, de ilusión, de vacuidade, de divertimento: a realidade constitúese na tiranía do imaxinario. A violencia, a guerra, a catástrofe, a morte e a destrución proxéctanse en preciosos xogos de ondas, luces e cores, nun simulacro virtual no que a súa raíz real xamais é mirada, ou alcanzada en espectáculo erótico-tanánico dirixido ao espectador. Incluído no espectáculo, a arte é arrastrada polos fluxos e refluxos da comunicación e trasladada á industria do lecer, convertida nun obxecto produtor de ocio, ensino ou diversión. No Wonderland, o parque mediático no que se converte o mundo, ao arte se lle asigna unha tarefa: encher os ameazantes espazos da vacuidade pública e privada. Non era este, tamén, o soño dunha estética nazi, na que eliminados os refugallos da raza e da carne, o mundo elevaríase na contemplación dunha beleza perfecta? Resistir? Resistencia. A que? Á imaxe, se cadra? Si. Pero, como resistirse á imaxe desde a propia imaxe?

De xeito que, si polo feito de multiplicarse as imaxes do mundo, perdemos, como adoitamos dicir, o sentido da realidade, quizais non sexa esta, despois de todo, unha grande perda. Por unha especie de perversa lóxica interna, o mundo dos obxectos medidos e manipulados pola ciencia-técnica (o mundo real rexido pola metafísica) converteuse no mundo das mercadorías -das imaxes- no mundo pantasmático dos mass-media. De feito, a intensificación das posibilidades de información sobre a realidade nos seus máis diversos aspectos, volve cada vez menos concebíbel á idea mesma dunha realidade. Quizais se estableza no mundo dos mass-media unha profecía de Nietzsche: o mundo real, ao cabo, tórnase fábula.

Se nos facemos hoxe unha idea da realidade, esta, na nosa condición de existencia tardo- moderna, non pode ser entendida como o dato obxectivo que está por debaixo, ou máis alá, das imaxes que os mass-media nos proporcionan. Como e onde poriamos a unha tal realidade «en si»? Realidade, para nós, é máis ben o resultado do entrecruzarse, do «conta- minarse» (no sentido latino) das múltiples imaxes, interpretacións e reconstrucións que com- piten entre elas, o que, de calquera xeito, distribúen os mass-media. Estas imaxes podemos interpretalas como realidade ou liberdade, entendidas como un envoltorio, como unha casca baleira por dentro, e xeran ocultas servidumes.