ROCÍO VERDEJO

Las matemáticas de Dios no son exactas

Galería Marisa Marimón | Ourense
do 14 de novembro de 2014 ao 17 de xaneiro de 2015
Curador: Vítor Nieves

FOTOGRAFÍA E VAIDADE DE VAIDADES

A traxectoria da artista Rocío Verdejo, permítenos rastrear a permeabilidade dos seus traballos a nivel formal, tanto na tradición fotográfica máis próxima no tempo como na pictórica algo máis distante, sen desprezar a estética publicitaria intencionadamente implícita no seu percorrido. Esta intervención, é unha vez máis asumida nesta interesante serie titulada Las matemáticas de Dios no son exactas, onde a artista propón, baixo as súas propias palabras, poñer en imaxe un encontro entre vivos e mortos. Á vista de cada peza desta serie, pregunto por que cando a artista introduce a morte como tema no seu traballo, óllaselle con desconfianza coma se co seu xesto estivera invocando irresponsabelmente á infamia. Un sambenito que podería dirixirse ao chou a calquera que mire a súa obra. Ou pode que todo o contrario, que se lle mire con veneración, como se nomear á morte fose un acto de valentía digno de admirar sen condicións. Existe aínda entre algúns habitantes do mundo da arte a superstición de que todo, ou moito do que se leva á imaxe, é susceptíbel de suceder. Se falamos da morte, falamos dun mal augurio que presaxia a imaxe, precisamente a expensas de todo o seu potencial cultural.Malia a temática, estas imaxes antóllanseme transitábeis e, por un instante penso que este efecto é o resultado da propia tecnoloxía utilizada nelas e, máis probábelmente, do software que en gran medida determina a atmosfera e o estilo de unha obra. É precisamente isto o que me intriga aínda máis e anímame a pasear polas escenas de fición e o efecto destas fotografías, deixándome abducir, coma o estudante de arte no filme 夢 (Sonos) de Akira Kurosawa, que entra na pintura Krähen über Weizenfeld (Corvos sobre campo de trigo) de Vincent Van Gogh e, de algún xeito, ve a figura do artista correndo en sentido contrario, cara o horizonte da pintura, levantando ao seu paso unha bandada de corvos, dando así por rematada a obra e finalizado o soño. Entro por tanto, confiada, nestas simulacións e o primeiro que sinto é, sen lugar a dúbidas, a falta de espazo transitábel. Esta é, parécemo, unha das diferenzas máis importantes de Verdejo coas obras dos seus referentes. Fronte á grandilocuencia espacial e tecnolóxica, Verdejo pon de manifesto o achegamento e a constrición do espazo; a subxectividade coma un plus tecnolóxico ben aproveitado, o que nos enfronta irremediabelmente coa acción e as emocións que se dan nestas escenas. Semella que se nos quere dar a perspectiva da ánima mirando o seu corpo abandonado. Xorden liñas de fuga posíbeis. E continúo o meu paseo, que por momentos tórnase tan expresivo como o silencio aparente dos signos aquí dados. Vou dar algunhas voltas.Na historia da pintura, o tema da morte foi tratado polos artistas enmascarando os signos que a identifican no escenario do xénero, dentro do que, a orde estereotipada dos obxectos cotiás no bodegón, por exemplo, inclúe a natureza diferida da caveira, a vela acesa, o reloxo, o libro ou as flores. Elementos aleatorios que variarán a súa designación coligados á época e ao país e que foron englobados po-los historiadores baixo o nome xenérico de vanitas. O extraordinario das vanitas, vistas desde unha desapiadada perspectiva actual, é o seu carácter kitsch, que nos estimula a ollar coa idéntica fascinación un bodegón barroco e o escaparate dun “todo a 100”. Esto é posíbel tamén debido á forza centrífuga das imaxes publicitarias e da moda, que fixeron entrar o simbólico tradicional, pola vía da simulación, na esfera dos signos “lixeiros”, onde foron funcionalmente liquidados.Como resolve Verdejo esta disolución do simbólico?. De que xeito pon en imaxe unhas escenas para que a morte como acontecemento de-veña outra cousa?. Para que, malia a moda que é a apropiación como práctica en si mesma, esta se transcenda e funcione como constructo de accións e relato contemporáneo dos devires póstumos da morte. Manténdose fiel no formal á súa educación na publicidade e ao seu interese pola moda, Verdejo expón o que queda no ser humano despois da morte do outro. A presencia dunha estética publicitaria residual, aliás diso, contra todo prognóstico, non nos defrauda en canto a lograr o obxectivo que se propón a artista. De feito, atravesados como estamos a todos os niveis pola lóxica da publicidade e da moda, esta dispón aquí a estética do familiar que, lonxe de ancorarse no sinistro, devólvenos a imaxe das emocións inexpresables do ser despois da perda. Nesta serie, Rocío Verdejo estrutura as escenas facendo que as relacións que se establecen dentro do encadre e, desde este cara o exterior, cara o espectador, estean orientadas polas miradas das personaxes en cada cadro. Falando das súas propias fotografías e do seu interese polos xestos significativos de outras épocas, Jeff Wall facía especial fincapé na época Barroca para diferenciala da contemporánea. Dicía o fotógrafo, que fronte á grandilocuencia expresiva da arte Barroca interesábanlle os xestos mínimos, imperceptíbeis, case espasmódicos que designaban a conflictividade e a violencia contemporáneas. En Verdejo, o xesto mínimo da mirada absorta en cada personaxe dentro do cadro e a perfecta xestión dos “signos lixeiros”, coidadosamente configurados a través da dirección artística e a posta en escena: os vestidos, a luz, os obxectos e as personaxes nos seus roles correspondentes, fannos entrar nestes “instantes conxelados” para ler os “signos pesados” do económico, o mo-ral e o cultural que subxacen baixo as aparencias: a pena, a dor, a substitución que oculta a soidade e o medo ante a ausencia, o dixomedíxome, a herdanza, “el muerto al hoyo y el vivo al bollo”. Todo se mostra cando a perda dun ser querido profunda na ausencia e desequilibra a orde necesaria para que as normas do xogo social permitan ocultar os intereses e simular a inocencia. Hai algo de “tentativa falsa de seriedade” nas imaxes de Verdejo, non só evidenciado pola retranca e o humor dalgunhas delas, senón tamén no sentido no que estas escenificacións ou falsas escenas de dor ante a morte ou nas proximidades dela, fálannos da verdade universal que subxace detrás dos roles xogados polos seus actores. Testemuñas superviventes con todos os dereitos reservados sobre o outro. Simulacións que nos mergullan, coma nunha viaxe que recúa no tempo, nas posibilidades do post-mortem e na “culpabilidade do devir.”

Isabel Garnelo Díez.


Rocío Verdejo fala do seu traballo.

+info da autora: rocioverdejo.es