Museo Municipal | Ourense
do 22 de outubro ao 15 de novembro de 2015Curador: Vítor NievesHai que ser brava para ser muller, occidental e alemá e aínda así traballar en proxectos contemporizando coas diferentes mulleres que Catrine Val retrata, nos países e entornos nas que ela fotografa. As voráxines do ritmo de vida occidental establecidas para escapar do pensamento, xera periferias nos propios países que encabezan eses rankings mundiais mediáticos.
Catrine Val comeza a súa viaxe cunha cita de Jawaherlal Hehru, o Primeiro Ministro da India “Pódese saber a condición da nación observando a condición das mulleres”. O corpus deste traballo inxírese baixo a rúbrica conceptual da filosofía e traza un percorrido fotográfico a través das páxinas da historia, literatura e metafísica hindú para empoderar ás mulleres. A obra de Catrine sempre reflexiona sobre a situación das mulleres, para o que a artista se implica con elas, acadando un grao de relacionamento que é palpábel nas imaxes que crea. A artista leva anos a traballar coas mulleres hindús, e chega a esta última serie fotográfica para descubrir o esforzo de moitas para recuperar certas filosofías hinduístas moi minoritarias e que estaban a desaparecer, practicadas exclusivamente por mulleres e polo terceiro xénero ou hijra (aceptado común e tradicionalmente na India). Elas son retratadas en situacións cotiás para confrontar estas imaxes coas que escenifica nos procederes propios do pensamento e espiritualidade que defenden.
Na xerarquía mundial, algúns Estados están a se converter no centro estratéxico de poder, reproducindo padróns alienantes, mentres que outros decaen converténdose en periféricos en termos de status e influenza. Mais a vida real, aquela onde se xestionan de verdade as cousas que importan, está lonxe dese poder tan hexemónicamente masculino e occidental. As mulleres contemporáneas da India perfeccionaron as súas habilidades para afrontar o campo de batalla da vida, loitando contra as restricións sociais, vencellos emocionais, fronteiras relixiosas e arraigos culturais. A sociedade desenvólvese na periferia, fóra do centro da sabedoría e do poder.
Estamos a vivir o tempo no que semella xurdir un renovado interese na humanidade e na produción de coñecemento. Deste xeito, as mulleres na filosofía parecen ser unha categoría deliberadamente ambigua. A educación formal é unha forza poderosa que dá forma ao noso entendemento histórico. Pero non é esta variedade educativa a que persegue a artista, senón que traballa sobre o método filosófico como unha disciplina, mostrando a representación das filósofas como un fenómeno global, conmemorando fortemente a presenza da muller independente pensadora.
Así, Catrine, toma como referencia filósofas da India e escenifica os retratos con mulleres que vai atopando e nas que encontra certas concomitacias coas pensadoras. As filósofas que escolle son na súa maioría descoñecidas na nosa sociedade occidental, incluindo as populares Sharanes (mulleres místicas de Karnataka), a radical Akka MahaDevi, Lalleshwari de Kashmir, Bhakti, a poeta espiritual ou Mira Bai, activista feminista e traballadora incansable da artesanía e das artes escénicas.
Val esforzase para criar vencellos entre natureza, misticismo e identidade, mentres vai navegando por múltiples temporalidades. As protagonistas das súas fotos abren as súas portas cara múltiples pensamentos, os seus rostros transcenden ás fronteiras relixiosas e sinerxias atestando a complexidade e multiplicidade das identidades de toda a India.
Por tanto, esta serie tamén camiña polo concepto de indentidade que toma como catalizador a cultura e coñecemento hindú. Catrine percebe a necesidade profunda de contextualizar á que fotografa, a través do apegamento á paisaxe e de como atopa a identidade en cada paisaxe e lugar para facer fincapé na ausenza histórica da muller para alén dos modos discursivos portmodernos de razonamento, propondo unha nova linguaxe para pensar transversalmente sulcando as liñas de xénero.
Vítor Nieves. Curador
Catrine Val fala da súa exposición na rolda de prensa de presentación no Museo Municipal de Ourense.
+info sobre a autora: catrineval.de