Déjà Vu reinterpreta o uso moderno das fotos feitas con teléfonos móbiles introducindo unha variante temporal antagónica coa práctica das redes sociais. En lugar de subir as fotos a Facebook, Tuenti ou Flickr nada máis sacalas, Van Mayrit acumula este material ao longo do día para proceder despois á súa compresión. Cada obra é o resultada da acumulación de capas fotográficas a modo de colaxe, recreando grazas á superposición de distintos planos un contexto efémero. O fotógrafo invita a realizar un traballo de observación case arqueolóxico de cada obra, no que se poden distinguir miradas, escenarios, xogos de mans ou obxectos agochados. Deste xeito estas fotografías espontáneas desvelan unha realidade complexa que reflicte, segundo o artista, «unha imaxe de lembranza». Matth Van Mayrit móstrase fascinado polo proceso de selección da nosa memoria: unha constelación de detalles que, entre claroscuros, deixa aflorar o nós in-
consciente. Por que lembramos, por exemplo, o estampado da butaca do bar mellor que a conversa co noso amigo? O uso deste tipo de cámara explícase tamén pola súa natureza pouco intrusiva. A cámara faise esquecer en medio dunha conversa, non induce ningunha actitude de pose por parte dos fotografados e permítenos entrar así na dimensión íntima do instante.
Ademais de usar un aparato mainstream como é o teléfono móbil, Matth Van Mayrit quixo presentar grandes formatos que participan dunha corrente case «pop». Nestas obras dun metro cadrado, os puntos substitúen os píxeis, en referencia ao traballo de Roy Lichetenstein. O título da exposición, Déjà Vu, contempla pola súa parte o lapso de tempo entre a toma da fotografía e a súa reinterpretación á luz do colaxe. Este proceso participa dun solapamento entre elementos de memoria a curto e longo prazo. As fotos «roubadas», realizadas de maneira instantánea e automática, revelan no momento do colaxe dixital o contorno que percibiu a mente inconsciente do fotógrafo. Esta técnica, moi afín ás prácticas surrealistas, conduce a unha reflexión sobre o tempo compartido, a súa compresión e o imperativo de inmediatez na nosa era tecnolóxica.
+info do autor: matthvanmayrit.squarespace.com