DIEGO DE LOS REYES

Narcisos

Museo Municipal de Ourense | Ourense
do 5 ao 17 de novembro de 2013
Curador: Vítor Nieves

A posesión de unha cámara pode inspirar algo semellante á luxuria. E como todas as formas críbeis da luxuria, nunca se pode saciar: primeiro, porque as posibilidades da fotografía son infinitas, e segundo, porque o proxecto remata por devorarse a si propio.

Susan Sontag

Diego de los Reyes ateiga o seu acervo particular de coleccións de novos modelos de masculinidade nunha teima por documentar ao que semella que é un novo home xurdido logo da revolución feminista e, nomeadamente, logo da visibilización da homoafectividade. Esta acadou unha popularización de roles que se lle viñan atribuíndo comunmente á muller e estandarizou certos canons que se estigmatizaban no proceder do que debía proxectar a figura do home.

Narcisos, ademais, sendo unha obra pictórica, quere dar unha idea dos novos vieiros polos que navega a fotografía, logo dunha outra nova democratización, ben distante daquela primeira lanzada por Kodak que provocara que a fotografía quedara ao alcance de calquera, o que xerara aos amadores do medio. Esta nova volta está relacionada ao uso do internet 2.0, e á proliferación e utilización dos perfís das redes sociais.

A tarefa consciente de construír un perfil público, leva aos Narcisos a autofotografarse, a configurar unha imaxe con límites (pre)definidos para proxectarse ao público. Retratos nos que os espazos e o corpo transcenden do privado e constrúen unha autofotobiografía que non sempre coincide coa realidade. O autor consegue redundar neste paso ao público cando se apropia das fotografías e as plasma nos seus lenzos, acadando coas imaxes unha terceira vía, moi distante daquela para a que foran creadas.

A configuración de retratos con resultados premeditados polo propio retratado é algo recorrente na historia da fotografía, e até da pintura, pensemos nos retratos encargados polas familias reais europeas. Pero, a rapidez de vertixe de internet fai que estes retratos non teñan vocación de perdurabilidade – ao contrario dos que facía Goya – co que definirán unha personalidade válida só para un futuro ben curto.

O autor tenta buscar respostas nos procesos de representación e autorepresentación das construcións masculinas. Alén do estético, dá chaves en relación ao ego, aos valores, á pertenza ao grupo ou aos roles e á política, que xeran o debate que deconstrúe o home que, aínda actual, representa ao pasado, tratando de sentar precedentes nunha tarefa de documentación selectiva que xera ao modelo tamén actual, que representa ao futuro.

Vítor Nieves. Curador da exposición.


Narcisos. Diego de los Reyes. Vídeo da exposición.


Presentación da exposición polo seu curador.

+info do autor: diegodelosreyes.com

Esta web utiliza cookies. Podes ver a política de cookies. Se continúas navegando estás a aceptala!    VER