CYNTHIA NUDEL

Naturaleza artificial

Galería Photo Art | Ourense
do 18 de outubro ao 11 de novembro de 2013
 
Museo Provincial de Lugo | Lugo
do 15 ao 30 de novembro de 2013
 
Curador: Vítor Nieves

Os zoolóxicos constitúen un intento de trasladar a natureza a un contorno urbano. Grazas a eles podemos reunir nun espazo relativamente reducido diferentes especies ás que só poderiamos coñecer se visitásemos o seu hábitat natural. Isto conséguese mediante a recreación do contorno de cada especie. Deste xeito asegúrase a supervivencia do animal á vez que se enriquece a experiencia do visitante do zoo, xa que a ilusión de estar a contemplar a natureza tal como é intensifícase.

Porén, o proceso está marcado por un paradoxo que pon en evidencia a tensión entre o natural e o urbano: a natureza é recreada por medios artificiais. Os animais son recluídos en escenarios que conteñen elementos manufacturados e elementos naturais controlados polo home. As pólas, as follas e a terra mestúranse coa pintura dos decorados. O cemento convive coa vexetación. Encontrámonos cunha grande variedade de indicios da intervención humana. O uso destes materiais –o cristal, o cemento– remítenos á cidade, ao urbano. Esa continua mestura entre o natural e o artificial, na que moitas veces non reparamos conscientemente, dáse en cada recuncho do zoolóxico. Así encontrámonos cun espazo que trata de imitar a natureza pero no que cada detalle é consecuencia dunha decisión humana.

Este intento de recrear o salvaxe nun contorno urbano produce unha especie de natureza artificial que queda suspendida en terreo de ninguén. O que se consegue é un escenario onde se mesturan a natureza e a intervención humana para xerar un contorno ficticio, unha tensión entre o natural e o urbano que proporciona unha estraña expresividade aos espazos.


Vídeo da exposición na Galería Photo Art de Ourense.

+info da autora: cynthianudel.com