CLÁUDIO GARRUDO

Substantivo feminino

Museo Municipal | Ourense
do 23 de outubro ao 15 de novembro de 2015
Curador: Vítor Nieves
 

A madurez dun artista ás veces vén determinada por unha volta ao inicio alentada pola profunda reflexividade produto do devir do tempo e do ateigamento de experiencias.

Cando Cláudio Garrudo é chamado a facer un traballo baixo o sustento teórico do conceito de PERIFERIA, celme da 33ª edición do festival Outono Fotográfico, deconstroe o significado da palabra para achegala á súa propia linguaxe. Así, dicionario Priberam en man, topenea cos conceitos corpo, figura, curvilínea, círculo, contorno… ideas suficientes como para viaxar no imaxinario da linguaxe de seu para dar unha virada conceptual ao seu percorrido artístico para situarse, agora moito máis seguro, na conceptualidade daqueles primeiros traballos.

Garrudo vén de facer as series “Quintetos” e “Trindade” que aparentemente o afastaban da gramática habitual (corpo, escenificación…). Este afastamento non foi suficiente para rachar coa coherencia que ten o autor que sempre nos tiña falado do íntimo, aliás do que poida parecer, malia a mudar a metodoloxía para criar unhas imaxes máis frías -en cuanto a que o corpo desaparece- só fai é falar do máis íntimo, do máis humano. E isto é común en todas nós.

Se cadra nunca estivo lonxe do seu comezo. Os seus ensaios sempre camiñaron polo perigoso gume que separa -e une- a fotografía da pintura. En “Substantivo Feminino” de novo pon de manifesto o rostro máis pictórico da fotografía e dun xeito tan característicamente poético nos fala mais unha vez de feminidades, tema tamén moito recorrente na súa obra.

Alén da posta en parede desta mostra, que obriga a quen a ve a unha interacción íntima, case voyeurista, o achegamento ao feminino de Garrudo non é o típico do autor que asexa desde a xanela sen o mergullo necesario en calquera temática. Non é nin tan sequera unha documentación mixiricas á que estamos afeitas nas documentacións que fan fotógrafos e que só valen para perpetuar estereotipos e alimentar preconceitos. Garrudo xa ten traballado coa maternidade (“10.37pm”), coas feminidades (“Vénus”), até se ten autofotografado cal Cindy Sherman en outras identidades para se explorar nos límites da súa personalidade pondo en cuestión a masculinidade aprendida, como en “Borderline”.

Estamos portanto ante un ensaio periférico en forma e fondo. O xeito de apostar por unha técnica non hexemónica para que as imaxes acaden carices estructurais non fotográficos por unha banda, e por outra, o xeito de abordar o feminino sen caer na condescendencia. Mais a cotío, as voltas que un autor da contornando, sentíndose cómodo nesas marxes, convértense en alfinetes que tiran espiñas ben espetadas no centro.

Vítor Nieves. Curador.

+info do autor: claudiogarrudo.com