Habitar un espazo é unha acción complexa pola relación que se establece entre este e a nosa presenza. Abandonar un espazo é unha acción tamén complexa pola ruptura física e mental con este.
Ao revivir unha lembranza da nosa existencia a miúdo non conseguimos visualizar «o todo», fáltannos datos. Esta reconstrución cargada de ausencia débese á omisión de singularidades, e é o obviar ou omitir ditas singularidades o que nos permite recoñecer o momento vivido e, o que é máis importante, lembralo e podelo narrar.
A memoria reafirma a nosa identidade e a do que nos rodea, e con iso a nosa posición no espazo e no tempo. Un reflexo diso é o asombroso espertar de Gregorio Samsa na Metamorfose de Kafka, que sorprendido dentro dun corpo que non é seu é capaz de identificarse como el mesmo grazas ao recoñecemento de todo aquilo que o rodea. A memoria, construída de sensacións e imaxes mutadas, é responsable de axudarnos a «soportar» o paso do tempo.