Desde o festival Outono Fotográfico asumimos para esta 35ª edición falar de «Descrenza» ao longo das 85 exposicións que configuran o programa, nomeadamente nas 28 mostras da Sección Oficial. E asumimos esa “Descrenza” desde unha ampla concepción que vai para alén do criterio estritamente relixioso para seguir a confrontar o aprendido póndoo en dúbida e desaprendendo – obxectivo inherente á gran parte da historia da arte – para pór de manifesto cuestións éticas respecto das formas de dominación e da imposición de límites ao pensamento.
É por iso polo que tamén convidamos a pór en dúbida o xénero. Ángel Pantoja tense servido en abundancia na súa obra da simboloxía queer, quer en elementos visuais específicos que inclúe nun segundo plano nas súas obras, quer na edición das súas imaxes procurando unha estética que anhela referentes como Pierre et Guilles ou LaChapelle, entre o kitsch desenfadado, o barroquismo dixital e o surrealismo onírico.
Pantoja repite nesa versatilidade como artista pola que é inclasificábel ao trascender do medio específico para transmitir unha visión da arte no seu estado máis puro para ser ese artista redondo que bebe de fontes tan dispares coma o deseño, a maquillaxe, a escenografía ou o cinema; para facer óleos que son fotografías, instantáneas que son esculturas ou retratos que son collages dixitais. Sempre cun mesmo norte: ser iconoclasta, estourar cos clichés e rachar cos moldes preestablecidos.
Nestes Bustos, cabe facer destaque da elección do branco e negro por parte dun artista archicolorido, o que reforza a sobriedade das pezas, mais tamén a seriedade coa que Ángel Pantoja aborda a temática queer, ainda usando certas faragullas de humor. Precisamente ese humor redunda na intención iconoclasta que supón retomar a iconografía clásica grecoromana cunha nova lectura que deixa de lado ao binarismo de xénero, difuminándoo, o que supón unha irreverencia para o porte serio e distinguido de emperadores e grandepensadores. Todos eles sempre homes.
A excepción de algún elemento contemporáneo que o autor introduce para romper a frialdade da pedra branca e a distancia que impoñen os bustos de outrora, é posíbel que non nos sorprendan tanto se pensamos no Hermafrodito durminte do Museo do Louvre, obra datada en torno ao século II a.C. e asumida como copia romana dun orixinal grego. O Hermafrodito, espido, xa nos delata o interese na antigüidade pola representación artística do ser ambiguo e a súa beleza.
Imaxe após imaxe, Ángel procura criar un certo desconforto. Deambulando entre o corte clásico e o barroco móstranos aguerridos thoracatos feminizados, rudos rostros realistas típicos da Roma en época republicana con fascinantes escotes ou até bustos de corte imperial con torsos dos que sobresaen os peitos. Sen dúbida, ese desconforto é criado polo contraste da dozura e fraxilidade asociada ao feminino que sempre foi (e é) incompatíbel coa valentía, a forza e a heroicidade, valores históricamente asociados ao masculino. Mais a realidade do xénero, como sabemos, é infinitamente máis diversa e extraordinaria.
O autor consegue pór de manifesto a fraxilidade da identidade masculina, sempre férrea e impenetrábel, que a pouco que se retoque, transfórmase nun chiste de si propia, quizais é por iso que sempre teñen que alimentala, ensaiala e demostrala.
A frontalidade dos ‘retratos’ fainos pensar que esta serie devece por ser un arquivo fotográfico de documentación do acervo do museo soñado que atesoura un pasado glorioso no que os líderes esculpidos no mármore non vivían na tiranía do sistema cisxénero. Así, estes bustos achégannos unha nova historia para diluír o inamovíbel marco entre os sexos: a división binaria. Esa doutrina que se nos atarraca desde o minuto cero, para facernos crer que as vidas, os corpos e as sexualidades se dividen en dous grupos. Criando así o sistema perfeito que se reproduce a si propio, centrifugando fóra a quen se desliza dun xénero a outro ou a calquera que non entre neses cánons.
Os bustos poden parecer unha construción, como construción é o xénero. Por tanto, podemos facer o exercicio de espancar a mente e ollalos máis coma un espello e non tanto para pousar o preconceito sobre as imaxes, parapetándose na ideoloxía de xénero, que é sempre un dogma que nos fai arengarnos no binarismo coma quen é seareiro dunha equipa de futebol, un absoluto acto de fe.
Vítor Nieves. Curador
Vítor Nieves fala do traballo de Ángel Pantoja e do Outono Fotográfico.
+info do autor: angelpantoja.com