Os estereotipos afectan á construción da identidade individual e colectiva até o punto de que non somos quen de saber se os clichés sociais son alimentados por cada unhe de nós ou son eles os que nos formatan.
Deebo Barreiro traballa nesas marxes, alí onde sabe que pode dinamitar as febles bases nas que se asentan as conviccións que nos rixen, onde pode tantear o peso específico dos estereotipos e aprende a contraporse a eles. Alí, acode ao corpo para documentar como é moldeado polos clichés, exposto desde que nace, a un bombardeo ideolóxico constante e sibilino.
A través das identidades, finxindo que son burbullas impenetrábeis, constrúe un glosario enciclopédico que reduce á insignificancia o binormativismo de xénero, ese réxime dictatorial que exclúe todo corpo diverso e, por tanto, diverxente.
Mais como sabemos, e parafraseando a Paul B. Preciado, o xénero é ante todo protético, é dicir, non se dá excepto na materialidade dos corpos. É puramente construído e, ao mesmo tempo, enteiramente orgánico. Escapa ás falsas dicotomías metafísicas entre o corpo e a alma, a forma e a materia. O xénero parécese ao dildo. Porque os dous pasan da imitación. A súa plasticidade carnal desestabiliza a distinción entre o imitado e o imitador, entre os órganos sexuais e as prácticas do sexo. No xénero, como na Fotografía, conflúe e diverxe a verdade e a representación da verdade, a referencia e o referente, a natureza e o artificio.
(Este texto é unha sinopse. Para ver o texto completo, descarga a folla de sala)
Vítor Nieves, curador da exposición.
+info sobre a artista: aquí