IVÁN MERAYO

Je ne baise plus

Museo Municipal | Ourense
do 20 de novembro ao 13 de decembro de 2014
Curador: Vítor Nieves

Hoxe son moitos os espectadores, mais
testemuñas tan só unhas poucas.

Eyal Weizman, arquitecto israelí.

quere falar da dor. quere falar do berro pero non consegue. quere unha sutil liña vermella nin áspera nin acre nin demasiado amábel que faga referencia ao horror. mais non sabe como. eu tamén non sei. quen é que sabe.

furga un pouco máis. escarva.

non sempre unhas veas definidas facilitan a extracción, pero quen dedica poemas a unha traquea? sacrifica o artista a verosimilitude e engade tres vértebras na anatomía da modelo. loce a dama entre a vexetación e as flores. orquídeas, claro. tres vértebras máis ou menos non fan a diferenza.

instrumentos de ver: as pechaduras.

atopo mulleres nas latas de pemento. purísima concepción marca registrada. esmeralda marca registrada. regina marca registrada. la dama marca registrada. maría santísima ruega por nosotros. especial para embutidos. puro garantizado. apégate máis. á dereita ese brazo. na estrita xerarquía do harén as escravas con talentos excepcionais chegaban a concubina.

tamén en francés odalisca quere dicir escrava malia a fineza da pronuncia.

descontrae. moito mellor. retratouna o pintor cun je-ne-baise-plus cinguido ao pescozo como símbolo de non dispoñibilidade – coma os taxis, si – tremendamente decorativo. tremendo e decorativa. desculpade o lamentábel xogo de palabras.

instrumentos de ouvir: as paredes.

aguanta aí. afrouxa. non tan apertada. curvas e dozura evidencian a pegada rafaelina. captura: acción e efecto de capturar. destaca a crítica o perfecto dominio da anatomía feminina que nos obriga a ollar para este ou aquel punto da imaxe. fumando espero al hombre a quien yo quiero.

ofelia nena sae da auga dunha vez vanche murchar os dedos.

con sutil xesto deixa caer a dama o seu zapatiño. índice do cabaleiro sobre os beizos en delicado aceno de silencio. símbolo onde os haxa de secreto compartido. por tanto a cabeza da virxe é o centro da obra.

y mientras fumo mi vida no consumo.

deja mear al macho que sabe donde mea. contrae. non tan abaixo. que se te sube, se te sube el muerto encima. postura, por extensión finximento. un simple disparo sen consecuencias. o porqué do teu corpo aí. con forza. cara a dentro. non respires.

será que nos protexe dalgunha cousa o pestanexo? furga. escarva. escava. comprobar a ferida cada dúas horas. a cada hora. será que para que se produza o acto de pestanexar chega con pestanexar?

eu queria mais alegria isso é que eu queria.

sabe da íntima relación entre músculos e ósos. entende a diferenza entre movementos voluntarios e movementos reflexos. un pouco máis. facendo resistencia. así así. coñece as partes do ollo e pódeas sinalar nun debuxo. distingue as tres capas da pel. eu não quero o que tu queres eu não quero o que tu queres que eu sou doutra condição. pódese dicir con máis letras pero non teñen músculos as pestanas.

instrumentos de calar: infinitos.

entre dúas e tres veces volven nacer cada ano, as pestanas. protexen de calquera cousa pequena que poida entrar no ollo. sabe da pequena cadea de accións que permiten o movemento comezando no calcañar e rematando na punta do pé. proba a virar de lado a cabeza. ou vira as fotografías.

vesme agora?

muller escribiu cixous aquela que non mata a ninguén dentro dela mesma.

eva f. ferreira


Iván Merayo fala do seu traballo na presentación aos medios da súa exposición.

+info do autor: ivanmerayo.com