Rojo Sache exhibe as súas escenificacións no festival Outono Fotográfico

A exposición permanecerá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense até o 14 de xaneiro.

01_dai_rojo-sacheMais unha vez, o Outono Fotográfico achéganos unha outra reflexión sobre a ‘Descrenza’, temática central desta 35ª edición do festival internacional. Nesta ocasión servíndose da escenificación na fotografía, un xénero propio que ten servido aos artistas nomeadamente a partires da década dos oitenta do século pasado a contar historias dun xeito diferente e a facer crer e descrer á vontade á espectadora ou espectador historias de dubidosa procedencia

A fotografía foi históricamente vinculada á documentación, e ainda a día de hoxe se segue a usar para documentar. Paradóxicamente, desde o seu nacemento, a fotografía nunca foi fiel á realidade e foron moitos os momentos en que foi usada para cambiar a historia ou acreditar unha realidade construida. A Staged Photography ou Fotografía Escenificada, sérvese desta premisa para criar imaxes que poden ou non ter vencellos cunha historia real.

No caso que nos apresenta Rojo Sache, cada peza é o garante dun suceso acontecido con grande divulgación mediática e expectativa social. A parella artística sérvese das historias dos crimes máis coñecidos da imprensa para documentalos nunha onírica representación na que a paisaxe pasa a ser unha testemuña silenciosa e até cómplice de feitos abominábeis. As localizacións xeran unha certa tensión derivada dun isolamento que é quen de gardar terríbeis segredos, os que constrúen cada historia.

Malia partir de historias tiradas dos xornais, Rojo Sache trata de non dar demasiadas pistas, mantendo o misticismo e interese en torno á historia. Só introducen pequenos elementos e accións que son cruciais para as identificar, eliminando o resto para acadar unha imaxe onírica que ben podía ilustrar un conto ou até ser pendurada no propio despacho de quen xulgou aos asesinos sen perceber o que a imaxe entraña.

 

05_dai_rojo-sache

 

BIOGRAFÍA

Rojo Sache é a parella artística formada por Rosa Isabel Vázquez [Madrid, 1971] e José Antonio Fernández [Murcia, 1976].

Os seus traballos versan sobre a memoria, a ambigüidade e a morte, temas que abordan a través dun uso moi particular da paisaxe.

A súa obra foi premiada en máis de 80 festivais e certames internacionais. Entre os que destacan 11 Premios Nacionais de Fotografía Profesional (Premios Lux de España).

As súas obras foron expostas en galerías e museos de diferentes países do mundo (España, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Arxentina, Estados Unidos e China) e participaron en eventos como PhotoEspaña, Voices O , no Photo Festival de Arles (Francia), Padova PhotograPhia (Padua/Italia), Photissima Art Fair (Torino/Italia) ou a Biennial of Fine Art & Documentary Photography en Málaga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *