Vítor Nieves recibe a condecoración Amicus Romaniae polo seu traballo na cultura en Portugal.

O curador foi un dos 9 galardoados co título honorífico ofrecido anualmente polo Instituto Cultural Romeno em Lisboa a personalidades do tecido cultural portugués.

Foto: ICR

Ler no Xornal O Sil aquí.

Os premios Amicus Romaniae foron instituídos en 2009 como recoñecemento e aprecio por parte do Instituto Cultural Romeno (ICR) ás personalidades do ámbito cultural e institucional que apoian a promoción dos valores da cultura en Portugal.

Vítor Nieves é curador, profesor, investigador e editor. Ten comisariado mais dun cento de exposicións en diferentes galerías e museos na Galiza e no resto do Estado, en Portugal e no Brasil. A súa dirección artística ten marcado a traxectoria de festivais internacionais de fotografía, como o Outono Fotográfico (Galiza) ou os Encontros de Agosto (Fortaleza, Brasil). Foi o editor de varios libros de fotografia e fotolibros e autor de ensaios de investigación sobre a imaxe e filosofía visual. É o director pedagóxico do Instituto de Produção Cultural e Imagem (Porto e Lisboa), onde imparte clases de historia e de curadoría no Máster en Fotografía Artística.

Os galardoados co título honorífico Amicus Romaniae co diplomático da Embaixada da Romanía en Portugal, Mircea Iliescu e o Director do Instituto Cultural Romeno de Lisboa, Dinu Gîndu. (Cortesía ICR)

As personalidades distinguidas co título honorífico Amicus Romaniae recibiron como diplomas obras de arte realizadas por alunos e alunas da Facultade de Artes da Universidade Dunarea de Jos de Galati. Neste ano, ademais de Vítor Nieves, foron distinguidos, entre outros, Vicente Rodrigues, presidente da Fundación Amália Rodrigues e catedrático do ISCTE; Fernando Galrito, director artístico do festival de cinema de animación MONSTRA; Constança Azevedo Lima, coordenadora do Museo Nacional do Azulexo; António Pedrosa, fotógrafo e profesor; ou Pedro Roma, vicepresipente da Cámara Municipal de Redondo.

A gala de recoñecemento e entrega das distincións Amicus Romaniae tivo lugar na sede do ICR en Lisboa da man do diplomático da Embaixada da Romanía en Portugal, Mircea Iliescu e do Director do Instituto Cultural Romeno de Lisboa, Dinu Gîndu. O evento continuou co lanzamento do libro “Verdadeiras, vividas, para seren contadas” de Elena Dumitrescu-Nentwig, en presenza da autora.

O Instituto Cultural Romeno é unha institución pública que promove a cultura romaniana en 18 países do mundo, a través de eventos culturais, cursos de lingua, programas de intercambio e apoio á tradución de obras literarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *