Joan Alvado é nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea na súa décima edición
O certame lanzado pola Asociación Outono Fotográfico co apoio da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo premia nesta edición o proxecto «Os batismos da meia noite».
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo festival Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autoras e autores tanto nacionais como estranxeiros.
Neste sentido, o traballo do catalán Joan Alvado entronca á perfección co obxectivo do Premio. «Os batismos da meia noite» é un proxecto que podería encaixarse no xénero documental ficcionado. Cunha gramática documental clásica, que denota as prácticas fotográficas do autor, fía nunha narrativa evocadora que pon imaxes ao intanxible da tradición e da memória das terras arraianas do Alto Minho.
Alvado traballa sobre conceptos ligados á espiritualidade ancestral da cultura galego-portuguesa. As súas fotografías, cunha atmósfera idílica, debullan a cultura de ritos e crenzas que aínda perviven nas serras da Raia. O proxecto complétase con obxectos que o autor foi adquirindo no seu percurso polo territorio, con fotografías captadas con dispositivos automáticos nos montes atlánticos e con cadernos con conxuros e responsos escritos polas persoas herdeiras de saberes atávicos.
O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 2 anos e distribuíndo a publicación.
O xurado, que visualizou proxectos chegados desde numerosas localidades de toda Europa e América, estivo este ano composto por Amaia Roldán, responsable de Cuarto Pexigo (Santiago de Compostela); Rui Prata, director do festival internacional Imago Lisboa e curador; Xabier Fernández, fotógrafo e cofundador de Copias de Autor; Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador Vítor Nieves. Por parte das institución patrocinadoras, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Eva Torres, Directora Técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense (en representación da Xunta de Galicia).
A exposición resultante do proxecto de Joan Alvado inauguraráse en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas así como outras localidades de Portugal e do resto do Estado Español.