Aberta a convocatoria da décima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A Asociación Outono Fotográfico, co apoio da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, convoca a décima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, o certame galego de mais relevancia neste eido.

Presentación da X edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.De esquerda a dereita: Vítor Nieves, coordinador do Premio; Anxo M. Lorenzo, Director Xeral de Cultura; Santiago Olmo, Director do CGAC e Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación OF-Outono Fotográfico.

Este Premio «pretende promover novas creacións na linguaxe contemporánea da fotografía», asegurou esta mañá o presidente da Asociación OF, Xosé Lois Vázquez, durante a rolda de prensa de presentación das bases, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC). Con todo, destacou o compromiso da Asociación OF-Outono Fotográfico que «escribiu a historia galega da fotografía desde o ano 83 co festival máis importante que ten dado o noso país celebrando 35 edicións, e que agora renova e impulsa o seu compromiso con outros proxectos, como o Premio, que cumpre hoxe dez anos».

As entidades que promoven o certame partillan o interese prioritario de que constitúa unha «plataforma para dar a coñecer o talento dos e das creadoras que están empregando as linguaxes fotográficas contemporáneas para a produción do seu traballo», afirmou o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quen puxo de manifesto o incremento de participación en cada unha das edicións. Ademáis asegurou que «o Premio adquire cada ano un maior peso específico entre os e as artistas, con participación de autoras e autores referentes no ámbito da fotografía a nivel internacional».

Sobre o proxecto premiado

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición que se inaugurará nos últimos días do ano 2022 en Lugo e que itinerará durante dous anos polas 7 cidades galegas nas salas de Afundación, así como por Portugal e algunhas localidades do resto do Estado Español.

A edición do libro co traballo gañador a cargo de Difusora de Letras, Artes e Ideas dentro da colección OF, completa o galardón deste prestixioso Premio.
Os e as participantes deberán apresentar un proxecto fotográfico realizado entre setembro de 2012 e setembro de 2022, e que non teña sido subvencionado ou recibise unha beca na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquer soporte. Respecto do tema e da técnica, ambos son libres.

Trátase de incentivar traballos coa reflexión e percorrido suficientes como para non ser fruto da concursística. A este respecto Vítor Nieves, coordinador do premio e curador da exposición e Xosé Lois Vázquez, presidente da asociación Outono Fotográfico e editor do libro, resaltan o obxectivo do Premio: «Promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que prantexa, en xeral, a arte contemporánea con respecto ás formas de dominación e a imposición de límites ao pensamiento. Promover a creación dun espazo fotográfico en Galiza que complemente ao creado durante máis de tres décadas polo festival Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas por parte de autores/as tanto nacionais como extranxeiros».

O prazo de apresentación

O prazo de apresentación dos proxectos será até o 23 de outubro de 2022 e os proxectos enviaranse a través do sistema online habilitado para esta convocatoria en www.outonofotografico.com ou por correo postal a Difusora de Letras Artes e Ideas no enderezo que se especifica nas bases do Premio, dispoñíbeis no mesmo site desde esta mañá.
Entre os proxectos que se presenten, o xurado seleccionará seis, atendendo á linguaxe visual do ou da autora, á calidade fotográfica e á contemporaneidade, que serán os finalistas. Os seus nomes publicaranse o 2 de novembro de 2022 no site referido e nas redes sociais da asociación. O nome do gañador ou gañadora será designado polo xurado 48 horas despois e publicado nas referidas canles.

Itinerancia

Nos tres últimos anos, as exposicións surxidas do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea itineraron por Ourense, Lugo, Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Segovia, Valladolid, Madrid, Barcelona, Braga, Porto, Lisboa, Fortaleza (Brasil), Atenas (Grecia), París (Francia) e Oslo (Noruega). Ademais, os libros de cada edición, teñen estado seleccionados en festivais de photobooks e poden adquirirse en librarías especializadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *