A Asoc. Outono Fotográfico expón a obra de Philipe Gabriel por primeira vez no noso país.
«Pele», que poderá verse no Espazo de Arte Roberto Verino, reúne unha selección de obras que exploran as complexidades da relación materno-filial, a través dunha singular abordaxe da fotografía vernacular que nos leva ás profundidades da memoria persoal e colectiva.
A inauguración da exposición será este luns día 6 de outubro e como é habitual serán servidos viños da adega Terra do Gargalo. Un evento que contará coa presenza do artista, Philipe Gabriel; o curador, Vítor Nieves; o presidente da Asociación Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez; e o propio Roberto Verino.
O Espazo de Arte Roberto Verino e a Asociación Outono Fotográfico consolidan así a súa colaboración anual, unha tradición que se mantén durante os meses nos que acontecía o festival de fotografía histórico Outono Fotográfico. Nesta ocasión, contando co apoio do Instituto de Produção Cultural e Imagem (IPCI, Portugal), presentan a primeira exposición individual de Philipe Gabriel no noso país.
«Pele», respaldado recentemente pola Galeria Imago Lisboa, fainos reflexionar sobre as memorias e as relacións familiares e enfróntanos coa dualidade entre apego e separación, amor e conflicto, levándonos a contemplar a natureza insondábel dos lazos que nos moldan e nos definen.
Baixo a curadoría de Vítor Nieves, a exposición presenta unha ollada profunda sobre a relación materno-filial, explorando as complexidades e matices dese vínculo tan significativo. Cunha prática artística moi particular, o autor desafía os límites do álbum familiar, creando unha linguaxe íntima e universal que convida os espectadores e as espectadoras a reflexionar sobre as súas propias experiencias e lembranzas.
A exposición estará aberta ao público até o 16 de decembro, en horario comercial, na Rúa do Paseo de Ourense, ofrecendo unha oportunidade inesquecíbel de mergullar no mundo poético e provocador de Gabriel.