Virginia Rota, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, expón o seu traballo en Roberto Verino

«O mundo ao principio» poderá visitarse até o 7 de xaneiro do próximo ano. Con esta exposición, a Asociación Outono Fotográfico volta a mostrar o traballo dunha gañadora do galardón na cidade de Ourense, cousa que non acontecía desde 2016.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea segue a itinerancia da exposición «O Mundo ao Principio» de Virginia Rota, vencedora da sexta edición, que chega agora a Ourense logo de estar en cidades como Ferrol, Lugo, Vigo, Barcelona, Málaga e Braga.

A exposición abriu ao público o 7 de novembro e unha semana despois (o luns 14) celebrouse un acto ao que asistiu Roberto Verino, como anfitrión do espazo e Xosé Lois Vázquez, director da Asociación Outono Fotográfico e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.

Este Premio é lanzado cada ano pola Asociación Outono Fotográfico, co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e celebra este ano a súa décima edición, unha década que serviu para a consolidación e para converterse nun dos galardóns de destaque na área da Fotografía Contemporánea na penínula.

O traballo de Virginia Rota entronca á perfección co obxectivo do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, por iso o xurado tivo a ben destacalo. En «O mundo ao principio» a autora traballa con 25 nenas e nenos para demostrar como é o xeito de ollar, compor imaxes e crear antes de estar contaminados e uniformados pola educación e o entorno. Cunha metodoloxía de traballo na que ten en conta as particularidades de cada cativo, así como os tempos, solicitalles que fotografen todo aquelo que lles é importante na vida. Na exposición poderemos ver por unha parte os maxistrais retratos que a autora lle fixo aos nenos e nenas coas que traballou, e por outra banda unha selección e posta en común das 675 fotos feitas polas persoas miudas de ollar adulto e criatividade sen parangón.

A exposición «O mundo ao principio» de Virginia Rota estará no Espazo de Arte Roberto Verino, na rúa do Paseo de Ourense até o 7 de xaneiro de 2023, e poderá visitarse en horario comercial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *