Lugo acolle a exposición de Glorianna Ximendaz, nomeada Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
«Orixe», a exposición da costarriqueña, resultante da undécima edición deste prestixioso galardón estará durante o mes de febreiro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.
O certame lanzado pola Asociación Outono Fotográfico co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo premiou na presente edición «Orixes», un traballo sobre as violencias e abusos que sufriron as mulleres da familia da autora, abordado tamén desde a súa propia experiencia.
A exposición abre ao público o venres día 2 de febreiro ás 19.00 horas na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, cun acto ao que asistirá telemáticamente a artista, Glorianna Ximendaz; os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e Vítor Nieves, curador da exposición; así como os representantes das intitucións patrocinadoras, o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo Suárez e a Deputada Delegada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández.
«Orixe» é un proxecto que pon de manifesto a problemática da violencia machista a través da historia íntima e familar. Ximendaz utiliza a fotografía como ferramenta para desafiar as normas sociais, derrubar estruturas opresoras, fomentar a cura e o empoderamento, e celebrar a forza e a resiliencia das mulleres.
Por medio das fotos das súas antepasadas, desde a tataravoa até ela propia, aborda temáticas como o poder patriarcal, os privilexios inherentes á masculinidade normativa e de clase, a ocultación e transmisión de violencias no ámbito familiar e social, as penalizacións impostas ás mulleres que desafían a orden patriarcal, a esixencia de patróns de beleza opresivos, a violencia obstétrica, e a sexualidade forzada.
O xurado da XI edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que visualizou proxectos chegados desde numerosas localidades de toda Europa, América e África estivo este ano composto por Rita Ibarretxe, historiadora da arte, curadora independente e fotógrafa; Paulo Cacais, director artístico do festival Álbum (Terrassa), curador e artista; Carla Bacellar, codirectora do festival Encontros da Imagem (Braga, Portugal) e curadora; Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador e profesor Vítor Nieves. Por parte das institución patrocinadoras, Eduardo Ochoa, fotógrafo e presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Eva Torres, Directora Técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense (en representación da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia).
A exposición «Orixe» de Glorianna Ximendaz estará en Lugo até o 29 de febreiro, e pode visitarse das 10:30 ás 14 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a sábado, e de 11 a 14 os domingos e festivos. Durante este ano, a exposición itinerará por outras cidades galegas e por Portugal.