É un bon Nadal para que os coellos se boten ás escopetas
Xa se achegan as xuntanzas familiares, e temos que preparármonos para o que iso supón. Se pensas que es o garavanzo apodrecido que estraga o cocido familiar, se sintes que tés que estar mansa/o coma un coello para manter a festa en paz ou se che parece que toda a familia adestra para atacarte, benvida/o ao clube.
É verdade, e temos que asumilo, que se cadra levamos moito tempo no noso toco, niso que deron en chamar espazo de conforto, e que no Nadal non nos queda outro remedio mais que saír e convivir co pobo soberano. É nesas situacións onde topeneamos de frente coas escopetas, coa realidade que achábamos superada, coas actitudes máis antigas e casposas… tanto que parece que máis que ir á casa familiar, viaxamos a Calúbriga, a capital dos antigos gigurros.
O cuñado, o tío que veu de Cuspedriños ou o teu propio pai sempre tiveron carta branca para estoupar todo o que lle viña á boca. Empodérate e reafírmate no teu lugar de fala, é tempo de que se boten os coellos ás escopetas!
Así que se sempre tiveches a actitude de pechar a boquiña, se nos últimos lustros estabas máis amargada/o que a coliflor do bacallau… os tempos son chegados!
Para iso, vamos facer un pequeno repaso polos 14 hits básicos que se repiten cada ano cual empanada de cebola, e algún de escintilante actualidade, que ecoarán na miña casa, na túa ou en calquera, porque en todas se comen feixóns:
O repolo tamén sofre.
Se as voltas que che deu a vida te levou a ser vegana/o ou vexetariana/o, é posíbel que odies estas festas, porque vas ser alvo de todo tipo de comentarios. Ármate de paciencia e usa o riquiñismo, porque esta loita ainda está verde para gañala. Mais podes comezar por proporlle que saian a matar con armas brancas todos os bichos que teñen na mesa.
E as proteínas?
Parfavar, mais non poderían ter un argumentario mais elaborado? Alén da carne hai moitísimos alimentos riquísimos en proteínas, e moito mais saudábeis. Ademais difícilmente terás colesterol nin desenvolverás a maior parte das doenzas que atacan aos carnacas.
Se non tedes fillos, vaise acabar o mundo.
Non, o mundo non se acaba. O mundo existía uns 4.000 millóns de anos antes de que o humano aparecese, e sen nós vai seguir existindo. E poderías elaborar unha interminable lista, despois do ano que levamos, de porque o planeta estaría mellor sen nós.
Non tés familia porque es un/ha egoísta.
Espétanche isto e a seguir pregúntanche quen te vai coidar cando sexas maior, co que xa deixan claro quen é o egoísta e quen pretende ter coidadoras gratis. Ademais, podes explicar como tomaches esta ou todas as decisión de forma consciente, e non te deixaches levar pola normatividade e polos costumes aprendidos culturalmente.
El gallego siempre está cambiando.
O galego, como todas as línguas, muda. Non mudan as línguas que están mortas. Como estas comparanzas sempre se fan co castelán, podes explicar as 2.557 novidades (entre adicións de artigos, acepcións e emendas) que introduciu a RAE no seu dicionario no ano 2020.
En canto saes, o galego non che serve para nada.
E se en vez de saír polo Padornelo, saes por Feces da Abaixo?… Aproveita e anima a que aprofunden na nosa lingua, hai mais de 250 millós de persoas no mundo que nos entenden. As variantes do galego-portugués son lingua oficial en 10 países e noutros 15 é cooficial ou hai unha cantidade signiticativa de falantes.
Co AVE pómonos en 2 horas en Madrid.
Pero pailaroco, cantas veces necesitaches ir a Madrid!… E sabías que de Valdeorras a Vigo leva 5 horas?
Os eólicos van traer traballo e son enerxía verde.
A verdade é que a construción dos parques eólicos non traen ninguna riqueza ao eido local, pois a propia construción é feita por empresas de fóra (como as nórdicas que están a repartirse os nosos montes). Ademais podes preguntar para que precisamos tanta electricidade nun país sementado de encoros e que produce muito máis do que é quen de consumir, e aínda por cima, sen ter ningún beneficio na conta da luz. Tamén podes preguntar cantos parques eólicos hai na serras da Comunidade de Madrid.
Eu xa axudo na casa.
Pois non foi sen tempo! Mais non tés que axudar, se comes e luxas tés a obriga de cociñar e limpar. Tamén podes pólos a pensar en quen organizou, comprou, cociñou e preparou todo para que a familia toda estea cos pés por baixo da mesa.
Porque lle chamades violencia machista? Aos homes tamén os matan!
Os principais agresores dos homes fóra do ámbito familiar, son outros homes. Ou eles mesmos cando se suicidan despois de matar á muller. Até no ámbito familiar podemos ver as cifras oficiais que son realmente escandalosas.
Nestes temas adoita incendiarse o debate e todos falarán de concretísimos casos para desestabilizarte. E iso ten un nome! É o Cherry Picking, ou que poderíamos chamar en galego Falacia de Evidencia Incompleta, que consiste en nomear numerosos casos individuais, até sen comprobar, para tapar unha realidade avalada por datos oficiais que contradin a súa postura.
Nin machismo nin feminismo.
Outro forococheiro máis no millo! É posible que esteas cansa/o de dar aulas deste tema, e quizais optes por recomendarlle algún libro, e farás ben. Ou simplemente dicirlle que non se pode ser equidistante, ou te desconstrúes e tentas perceber o que é a luita feminista e en prol dos dereitos (de todos os) humanos, ou es machista. Punto.
Veñen a cobrar paguitas do Estado.
Pero claro! Agora entendo todo! Por iso viven tan ben os sen teito e os inmigrantes, teñen un ingreso por encima do SMI pero deciden durmir á intemperie con este clima tan agradábel de decembro!
Eu teño moitos amigos gais.
Non o dubido. E moitos que nin saberás que o son porque nin se atreven a ter unha vida fóra do armario por actitudes e comentarios como ese.
Eu respeto, pero que sexan discretos.
Discreción é o que deberían ter as persoas que din isto ou todo o anterior. Discreción e reflexividade. E un pouco de capacidade empática. Porque esbardallar, falar mais alto para facer prevalecer a opinión e espraiarse (léase manspreading) discreto, discreto, non é.
Para acabar, pensa que non estás só/a, e que cada un/ha no seu canto, somos lexión. Pensa que cando te rebaten con excusas de mal pagador, é porque eles aínda acaban de chegar ao que tu xa vés de volta, ao que outras, xeracións atrás, viñeron de volta 100 veces. Bon Nadal, coellos.
[Texto publicado no Especial de Nadal da La Región, 24/12/2021]