Lugo acolle a exposición de Lois Cid, recén nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2021
«Estruturas de fusión», a exposición resultante da novena edición deste prestixioso galardón estará na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e en varios espazos espallados por toda a cidade.
O certame lanzado pola Asociación Outono Fotográfico co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo premiou nesta edición «Estruturas de fusión», un traballo que se centra na análise dos materiais cos que o ser humano transforma o terreo, e, ao mesmo tempo, estuda a implicación deste na creación e modificación da paisaxe contemporánea.
A exposición abriuse ao público o pasado luns día 20 de decembro ás 20.30 horas no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, cun acto ao que asistiu o propio autor, Lois Cid, que explicou o proceso criativo e a conceptualización do seu traballo. Xunto a el estaban tamén os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e Vítor Nieves, curador da exposición; así como Encarna Lago Gonzalez, Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, desculpando a ausencia da Vicepresidenta Maite Ferreiro; María José Gómez , Xefa Territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Lugo, desculpando a ausencia do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia Anxo M. Lorenzo Suárez.
Malia a que o acto se desevolveu na sala de exposicións da sede da Deputación Provincial, as pezas de Cid non se circunscriben só á Sala da Deputación, xa que días antes, o artista dedicouse a facer varias intervencións en espazos públicos da cidade co obxectivo de pór en dialogo as súas creacións cos espazos en construción e/ou derrubamento que hai actualmente na cidade amurallada.
Estruturas de fusión é un proxecto que indaga nos espazos en construción como se fosen un xacemento arqueolóxico para analisar os resíduos que fican despois do levantamento dun edificio, relacionándoos cos entullos xerados polo derrube de antigas construcións. Lois Cid traballa sobre os conceptos ligados á temporalidade, a inestabilidade e a disfuncionalidade. Deste xeito torna os procesos de construción e colapso nunha mesma entidade difícil de diferenciar. A fotografía xoga un papel esencial na práctica artística de Lois Cid, mais non o único. Na exposición poden verse varias instalacións e mais un vídeo que recolle accións feitas en diferentes espazos da cidade de Lugo e que configuran micro-exposicións efémeras que alongan a Sala do Pazo de San Marcos, rachando a idea do Cubo Branco, e levando á cidade a súa obra, na procura non só de novos emprazamentos museísticos improvisados, senón tamén de novos públicos.
O xurado, que visualizou máis de 120 proxectos inscritos, chegados desde máis de 20 países, estivo este ano composto por Estefânia R. de Almeida, responsable da Galeria Adorna (Porto); Iñaki Martínez Antelo, xestor cultural e curador; Jon Gorospe, artista gañador da IV edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea; os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador Vítor Nieves; e por parte das institución patrocinadoras, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Ofelia Cardo, artista e profesora (en representación da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia); e exerceu como secretario Pablo G. Prieto.
A exposición Estruturas de fusión de Lois Cid estará en Lugo até o 31 de xaneiro de 2021, momento no cal comezará a súa itinerancia polas 7 cidades galegas nas Sedes de Afundación, así como por localidades portuguesas e do resto do Estado.