O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea presenta as bases da oitava edición

A Asociación OF. Outono Fotográfico abrirá o prazo de recepción de proxectos fotográficos en setembro. Como en anos anteriores, o Premio é patrocinado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu hai oito anos ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. O certame premia propostas de carácter visual-fotográfico no discurso da fotografía contemporánea realizadas por autoras e autores de calquera nacionalidade. A dotación económica é de 9.200 euros destinados á produción dunha exposición co proxecto gañador que itinerará durante dous anos nas salas de Afundación e en festivais internacionais e á edición dun libro e a súa distribución en librarías especializadas.

As bases que se presentaron hoxe (28 de xullo) no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) poderán descargarse na web www.outonofotografico.com. O prazo de presentación dos proxectos rematará o 6 de novembro de 2020, e o fallo do xurado farase público o día 13 do mesmo mes.

Na presentación, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, destacou que cada nova convocatoria deste premio «abre unha porta máis ás novas propostas artísticas no ámbito da fotografía, que, ademais de ser unha manifestación estética e creativa, supón un espaldarazo para difundir a nosa creación». Así mesmo, puxo de manifesto «a crecente proxección internacional que vai acadando ano após ano o Premio, así como o recoñecemento que supón para os gañadores e gañadoras».

Pola súa banda, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación OF. Outono Fotográfico falou «da importancia dun Premio así que vén recoñecer o traballo dos e das fotógrafas do noso País e deixa rexistro do que supón o traballo mais importante do ano nesa disciplina artística».

En sete anos o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea «puxo en valor os traballos de Daniel Díaz Trigo, Berto Macei, Jose Romay, Eva Díez, Jon Gorospe, Alfonso Almendros, Virginia Rota e Felipe Romero Beltrán, leva oito exposicións producidas, oito libros editados e decenas de itinerancias na Galiza, no resto do Estado, así como no estranxeiro (Portugal, Brasil, Noruega)», encargouse de lembrar o coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, Vítor Nieves, quen tamén debullou os puntos das bases.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *