O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea abre o prazo para a quinta edición

O Proxecto Benito Losada presentou as bases deste importante certame patrocinado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.

IMG_0495O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu hai cinco anos ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. O certame premia propostas de carácter visual-fotográfico no discurso da fotografía contemporánea realizadas por autoras e autores de calquera nacionalidade. A dotación económica é de 8.000 euros destinados á produción dunha exposición co proxecto gañador que itinerará durante dous anos no marco do festival Outono Fotográfico e/ou á edición dun libro.

As bases que se presentaron hoxe (18 de abril) no Museo das Peregrinacións e de Santiago pódense descargar na web do festival no que se enmarca o Premio, www.outonofotografico.com. O prazo de presentación dos proxectos rematará o 15 de setembro de 2017, e o fallo do xurado farase público o día 22 do mesmo mes.

Na presentación, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, destacou que cada nova convocatoria deste premio “abre unha porta máis ás novas propostas artísticas no ámbito da fotografía, que, ademais de ser unha manifestación estética e creativa, supón un espaldarazo para difundir a nosa creación”

Pilar García Porto, deputada delegada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Deseño e Artesanía e Educación da Deputación de Lugo, recoñeceu “a crecente proxección internacional que vai acadando o premio, así como o recoñecemento que supón o certame” no que se implican as administración ao ser “un proxecto que revirte en creación cultural para a sociedade”.

Pola súa banda, Xosé Lois Vázquez, Director do festival Outono Fotográfico falou “da importancia dun Premio así que vén recoñecer o traballo dos e das fotógrafas do noso País e deixa rexistro do que supón o traballo mais importante do ano nesa disciplina artística”.

En catro anos o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea “puxo en valor os traballos de Daniel Díaz Trigo, Berto Macei, Jose Romay, Eva Díez e Jon Gorospe leva cinco exposicións producidas, cinco libros editados e decenas de itinerancias na Galiza e resto do Estado, así como no norte de Portugal e no Brasil”, encargouse de lembrar o coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, Vítor Nieves, quen tamén debullou os puntos das bases.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *