O Outono Fotográfico oferta nesta ponte un Campus en torno á fotografía e á identidade
O festival internacional de fotografía organiza obradoiros de grandes figuras da arte e da fotografía contemporánea no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e unha xornada de traballo cunha diversa programación na galería Photo Art.
O Campus do Outono é a oferta formativa que o festival Outono Fotográfico concentra en tres días na cidade de Ourense. Durante o sábado 6 e o domingo 7 de decembro, cuns horarios intesivos terán lugar os obradoiros de André Cepeda, Julián Barón e Eloi Gimeno, que se realizarán no Centro Cultural Marcos Valcárcel, no centro de Ourense. A inscrición aínda pode realizarse escribindo a campusdeoutono@gmail.com.
Ademáis, o luns 8 de decembro, terá lugar unha Xornada de Traballo na galería Photo Art (Av. Bos Aires, 79) que dará comezo ás 11 horas con entrada libre e de balde. Ao longo do día poderase debater en torno á arte, á fotografía e á identidade. Para iso, o Outono Fotográfico ten previsto unha mesa redonda pola mañá sobre os diversos puntos de vista identitarios que se dan na arte e na fotografía con oradores coma Xosé Manuel Buxán, Luís Díaz Díaz, Sabela L. Pato, Xosé Carlos Sierra ou Natalia G. Devesa.
Logo de que os asistentes poidan degustar o cáterin servido por Osi Gourmet acompañado do viño da adega A Coroa, comezará a mesa de debate en torno aos festivais de fotografía na que participarán Olmo González, Manuel Sendón, Xosé Lois Vázquez e Ângela Ferreira
Na xornada tamén se fará a presentación do libro Mil Ríos de Manuel Sendón e Fran Herbello e proxectaráse o documental MakinOf de Alba Vázquez Carpentier sobre a historia do festival Outono Fotográfico.
Os obradoiros
O Campus do Outono, ideado por Luis Díaz Díaz para o Outono Fotográfico, ofrecerá a posibilidade de achegar os procesos de traballo e os coñecementos de tres autores. André Cepeda falará dos diferentes proxectos que desenvolveu nos últimos anos con institucións portuguesas, artistas, músicos, cineastas… así como do xeito de traballar día a día no seu estudio, mesturando a tradición da fotografía analóxica coas novas técnicas dixitais. Aliás diso, debullará as diversas formas de editar os proxectos fotográficos e as posibilidades de produción e distribución en formato de exposición e libro.
O obradoiro de Julián Barón ten a intención de proporcionar a posibilidade de mergullarse nos procesos de pensamento, creación e conciencia que a práctica fotográfica require na súa relación coa realidade actual e a súa achega ao coñecemento. Desde esta perspectiva, estimularase aos e ás participantes para establecer un vencellamento coa fotografía de carácter
independente e cimentado nos seus propios intereses e preocupacións, coa intención de servir como introducción ao desenvolvemento de estratexias a través das diferentes fases do proceso criativo para contextualizar, construír e dar visibilidade aos seus proxectos.
Pola súa banda, Eloi Gimeno compartirá co alumnado os procesos que lle permiten o seu traballo como deseñador. A través do estudio da historia da arte e a vida cotiá, analizaranse problemas comúns e tratarase de ofrecer solucións desde os nosos procesos de percepción: recepción de estímulos, identificación e interpretación.