A cultura, esa fráxil indispensábel

VÍTOR NIEVES. Publicado en Diario Nós e en Adiante.gal


 

Foto da instalación de Nuria Güel na exposición Prácticas artísticas y precariedad.

Na semana pasada, antes de que comezasen as rápidas (mais tardías) mudanzas da grave crise que estamos a viver, íamos recibindo aos poucos noticias de como ían pechando, a golpe de resolucións municipais, museos, teatros e bibliotecas en toda a Galiza e Portugal. Días antes de pechar os bares e discotecas pecharon as salas de exposicións. As que xa vivimos o apagón cultural de 2010 xa percibimos que non ía ficar por aí.

Neses días o cabreo foi maiúsculo: pechar museos, centros de arte e salas de exposicións mentras seguiamos tendo bares e centros comerciais ateigados de persoas, non parecía unha boa medida para frear ningunha pandemia. Por desgraza, nunca ante as paredes dos museos do noso país se concentraron máis persoas ca nun after calquera da periferia das nosas cidades.

O Presidente da Xunta da Galiza após o Consello Extraordinario da sexta feira (dia 13) apresurou unha comparecencia para mover ficha antes ca Pedro Sánchez, e de paso gañar o primeiro pulso. Nela debullou o conteudo do seu Plan Territorial de Emerxencias polo que, entre outras cousas, impuxo o peche dos locais de restauración a partir desa mesma media noite.

Mais días antes, os peches en cultura foron sucedéndose cun efeito dominó. Tanto, que os que habitamos nese mundo pasamos a semana a recibir notificacións de cancelación e adío de eventos, concertos, apresentacións e exposicións como un bombardeo por varias frontes en forma de emails ou notificacións das diferentes redes sociais.

En cada email e en cada cancelación de evento do Facebook podíase até cheirar a frustración e a tristeza: xiras de bandas canceladas, compañías de teatro que estacionaban a furgo, itinerancias de exposicións interrumpidas, libros que non se apresentaban… grandes esforzos que nunca verán a luz, ilusións que se foron para sempre e traballo en balde que xa non terá frutos. Porque se unha cousa sabemos os que traballamos na cultura e que aprendimos ben na última crise económica-emocional, é que o que se leva a crise nunca máis volta.

En tres días, moitas de nós vimos como as nosas precarias axendas laborais desapareceron e como o primeiro en cair era aquelo que sempre nos din que é imprescindíbel: a cultura. Inxentes esforzos de montes de equipas e proxectos de meses de traballo foron finiquitados como a primeira vítima para acalmar a unha sociedade coa ansia de ser controlada polos seus líderes, chegando a xustificar que nos espazos culturais a afluencia de persoas podía constituir un vector de contaxio.

Xa no fin de semana o Presidente do Goberno do Estado decretou o Estado de Alarma con todas as privacións de liberdades colectivas e individuais e os recortes de dereitos cidadáns que xa coñecemos. Ese mesmo sábado, as que ainda estábamos lambendo as feridas do duro golpe, asistimos á viralización de whatsapps de convite a festas en pubs e afters nas nosas cidades a porta pechada. Até o punto de poder escoller varios en cada unha (como en Vigo, A Coruña, e Compostela) e tamén nalgunha vila (como O Barco, Narón ou O Carballiño). É evidente que non foron festas co descaro das do Cais do Sodré en Lisboa ou as de Cedofeita no Porto, mais Portugal, ainda tendo pechados tamén os espazos culturais, só estaba en cuarentena voluntaria recomendada polo seu goberno e non nun Estado de Alarma con claras proibicións con respecto aos locais de lecer nocturno.

Nesa rolda de prensa do sábado, Pedro Sánchez adiantaba tímidamente (e sen aprofundar) axudas económicas a autónomos e á cultura deixando para tres días despois o anuncio das medidas económicas que en grande parte serán para a propia administración e para as empresas e que xa o sindicato maioritario na Galiza, a CIG, valorou como insufucientes. Nese paquete de medidas nin unha mención ás industrias culturais. Mais o de “industrias” ainda é un apelido que lle fica grande á maior parte da nosa cultura. A precariedade na que traballamos é proporcional ao amor que sentimos polo que facemos. A ninguén se lle escapa a fráxil situación económica da nosa cultura en case todas as disciplinas. Calquera pode imaxinar como son artelladas as xiras de moitas das bandas galegas en base a unha rede de contactos e afectos, ou como se manteñen os festivais de artes plásticas con apoio no altruismo, persistencia e paixón dos e das que neles traballamos. Traballadores e traballadoras que en moitas ocasións nin chegan a ser autónomos, canto menos contratados.

A multiespecialización e a autoexplotación marcan o traballo na cultura. As nosas xornadas laborais e as nosas retribucións están moi lonxe desa cultura-espectáculo sobrevalorada (e sobrapagada polo propio público). A cultura real está no noso país condenada a vivir na inestabilidade dos apoios institucionais que nunca aseguran a continuidade dos proxectos alén dunha lexislatura. A inexistencia dunha tradición do mecenazgo empúxanos aos xestores culturais a mendigar nas portas de palacio rebaixando partidas para que o proxecto saia adiante. Así, a fraxilización é tal, que non son precisos grandes furacáns, unha airexa é suficiente para tumbar a moitos dos axentes implicados e as súas axendas, e con elas, parte das programacións culturais.

Quizais esta crise nos impulse a repensar o significado da nosa vida nunha especie de novo orde mundial no que debemos, obrigatoriamente, ollar máis cara adentro. Nese retiro ao que nos confinan (a unhas mais que outras, pois os e as obreiras non son merecedoras de cuarentenas) poderíamos pensar non só naqueles aos que aplaudimos por facer o seu traballo. Podemos é facer un grande exercicio de empatía coas verdadeiras vítimas destas (e de todas) as crises, esas que agora están disponibilizando os seus arquivos en internet, a dar workshops de balde ou a dar concertos in streaming para encher de arte e ritmo este momento ao que nos enfrontamos.

Podemos tamén pensar na Amalia que ten dúas fillas ás que mantén limpando en varias casas e que agora, cos colexios pechados, tivo que autodespedirse dos empregos precarios para precarizase ainda máis. No Antonio que axuda cos inxertos e en chapuzas diversas para poder pagar unha hipoteca da que non se da recuperado desde a anterior crise. Nas sen teito e as inmigrantes nun Estado de Alarma que deixa manga ancha ás policías e ao exército nunhas rúas libres de smartphones vixiantes. Nas traballadoras da louxa valdeorresas que non son abenzoadas coa cuarentena e que están costumadas a traballar sen máscara, non agora polos virus, senón polo pó que lles cava a silicose nos pulmóns. E é que o sistema sempre se apaña para que a crise sempre a paguemos as mesmas.

Pode que esta crise nos devolva unha normalidade diferente, un renacer distinto. Está claro que asistiremos mais unha vez a un menoscabo dos nosos dereitos que non voltarán. Mais temos que ser quen de aproveitar ao máximo os buraquiños que nos deixa o sistema para tratar de mudalo, como as formigas que constrúen novos túneis en terra dura. De novo veremos o capitalismo a se reinventar e desta volta ten tempo: estamos fóra de plano e a atender a feroces virus postapocalípticos.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *