Alterarte vístese de feminismo para o Outono Fotográfico

Mar Caldas leva á sala do Campus Universitario de Ourense unha colectánea de obras que percorre a súa obra desde a década dos 90

Mar Caldas«Imaxes, xestos, voces» é unha das mostras que configura o ciclo expositivo do festival Outono Fotográfico e que ven sumar mais unha visión contemporánea ás que xa están abertas no Campus de Ourense.

Na exposición poderemos facer unha rápida visión pola traxectoria artística de Mar Caldas, a través dunha exquisita selección feita polo seu curador, Xosé Manuel Buxán. Caldas, leva xa moitos anos a percorrer a vindicación feminista desde os campos da teoría e a prática artística. E agora achega ao Outono Fotográfico unha mostra de diferentes traballos fotográficos e videográficos de distintas épocas da súa carreira artística, obras que na meirande parte dos casos non foran nunca expostas, ou só dun xeito parcial e/ou abocetado. Así, na conceptualización da súa obra, poderemos ver unha transición desde un feminismo máis clásico cara unha postura máis contemporánea e queer, onde fala do corpo e da sexualidade cuns autorretratos cun corpo rotundo cuxo sexo abundante nos olla sen complexos, mais paradóxicamente, consegue ser un corpo desvelado que se vela no intre seguinte, un corpo que se ofrece e decontado resgárdase sobre si. Noutras obras fala de animalismo, ataca directamente ao machismo, ou mantén unha actitude activa e hostil para protexer a feminidade.

A exposición, que arranca mañá mesmo (xoves 17 de novembro) cun acto en presenza da propia autora, o seu curador Xosé Manuel Buxán, e Xosé Lois Vázquez, director do festival Outono Fotográfico, poderá visitarse até xaneiro do ano próximo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *