A ‘tuiterización’ de Facebook é ben acollida pola comunidade de fotógrafos da rede

Facebook vén de activar as hashtags na súa rede social, un grande cambio no uso desta ferramenta que acepta a petición dos e das facebookers de incorporar un motor de busca interno e global.

O pai das redes da un grande xiro estructural xusto no momento en que o número de usuarios e usuarias activas fora en constante decrecemento nos últimos meses. Esto sumado ao incremento do uso de Twitter e o rápido crecemento da puxante Pinterest non indicaba novas nada boas para o imperio de Zuckerberg, que fixo a lectura que cabe facer: a migración cara outras redes medraba vertixinosamente. Por tanto actuou como acostuma, sen previo aviso e na hora; tratando de recuperar a lo menos os perfís perdidos.

Unha das eivas que Facebook arrastra desde o seu comezo é a falta dun buscador interno, básico para todos os espazos virtuais. Esto facía que as tarefas de busca ou documentación foran imposibles, xa que os contidos publicados sen restriccións polos usuarios e usuarias tampouco eran visibles para buscadores externos, pese ás repetidas negociacións de Google, o xigante de Sillicon Valley.

Así, as palabras que se escriban seguidas dunha #, aparecerán como ligazón para a busca de entradas con esa mesma hashtag ou etiqueta. Asemade, o buscador de Facebook non só servirá para buscar persoas, organismos ou empresas, senón que a partires de hoxe xa se poderán atopar contidos públicos escritos en calquera parte do mundo.

A comunidade de facebookers fotógrafos ou amadores, xa comezou a beneficiarse deste cambio para difundir as súas publicacións, e ás poucas horas xa podían verse entradas coa etiqueta #portfolio. Outra etiqueta empregada polos creadores de imaxes, ou polos colectivos ou galerías e festivais é #shutter, pero a gañadora é sen dúbida #Phtography.

De seguro que este cambio en Facebook non afectará só aos seus servidores, pois significa un grande pulo ao sistema de identificación de contidos para os boots, isto é, os motores de busca. Debido á democratización das tags e ao mal uso e masificación delas, até Googleboot ten verdadeiros problemas para identificar o spam, que inxeniosamente se etiqueta coas tags máis empregadas nese momento sen ter necesariamente que ver co seu contido. Tanto é así que en redes como Instagram as etiquetas fan da busca unha tarefa farragosa no canto de favorecela. Por iso nos últimos tempos xa se xerou un ruxerruxe na rede que prognostica que os gurús do World Wide Web pronto cambiarán cara á fase 3.0, esquecendo a estrutura actual (2.0) da rede de redes.

Algúns activistas da internet, aqueles que practicamente viven de xeito virtual para criticar o sistema que lles dá vida, cuestionan o momento no que Facebook permitiu o uso de etiquetas. Os bloggers de Cryberactivism falan da “cortina de fume creada polo imperio de Marck Zuckerberg” para que non se fale do caso de espionaxe do goberno de Estado Unidos. Esta nova correu por todo o mundo cando o avogado de Facebook, Ted Ullyvot, asegurou a semana pasada que a rede “recibiu entre 9.000 e 10.000 peticións de información privada no 2012 por parte do goberno de Obama”  e indicou que estarían “relacionadas con entre 18.000 e 19.000 dos seus usuarios e usuarias”

 

Esta é unha adaptación do artigo que publiquei no número 52 de Sermos Galiza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *