JON GOROSPE

IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Environments

Un sistema de balizas para o reboutallo

Fai parte do instinto da nosa especie apartar e enterrar os residuos que producimos. Trátase dun xesto hixiénico fundacional: acantoamos lonxe de nós o que, con toda probabilidade, podería pornos doentes. Enviámolo a un espazo misterioso e opaco coa esperanza de que alí desapareza. Desprazamos os excrementos a unha realidade paralela que, en palabras do filósofo e psicanalista Slavoj Žižek, percibimos coma «un mundo subterráneo, caótico e primordial». Un mundo-sumidoiro, un mundo-desaugadoiro do que esperamos que nada regrese.

As series que conforman «Environments» son o resultado de ollar non tanto os reboutallos como o xeito en que os movemos dunha contorna a outra, expulsándoos do noso contexto máis inmediato para integralos nese ámbito -ou punto cego- do que non deben voltar. Así, «Environments» pode entenderse como un sistema de balizas que Jon Gorospe dispuxese ao longo do percorrido que os refugallos emprenden cara ao seu exilio definitivo. A súa volta, o potencial retorno dos mesmos só é posíbel imaxinalo coma unha catástrofe: o pesadelo do noxo. Con todo, cabería expor unha hipótese non por desmesurada menos probábel, e é que a catástrofe quizais non estea diante senón detrás de nós. Por tanto, aquilo que o traballo de Gorospe nos apresenta se cadra non sexa outra cousa que a deriva natural do escenario postapocalíptico no que habitamos -sen sabelo- desde hai tempo. Achegarse, entón, ás plantas de refugallos, aos lixeirais e vertedoiros non só é achegarse ao gran museo da negación ou ao repertorio máis completo do enmascaramento senón tamén á paisaxe máis probábel, á arquitectura que nos espera e que xa está aquí.

Da bolsa de lixo ao vertedoiro, atopámonos ante un tenaz proceso de ocultamento. Ocúltase aquilo que non se asume, ocúltase a obscenidade do decrépito e da morte, agóchase aquilo que, doutro lado, continúa co seu proceso de putrefacción, coa súa toxicidade incrementada e ameazante: non hai saco, contenedor ou camión de residuos transparente. Coma na culminación dun truco óptico, asistimos á desaparición do traumático en forma de camuflaxe, de escamoteo ou veladura. Nas imaxes que seguen non veremos os reboutallos, a inmundicia, as feces, senón o escuro abismo que nos protexe delas: a opacidade que as oculta. Algo que, pola contra, non vai  deixarnos tranquilos pois ocorre, como sabía Nietzsche, que «cando ollas longo tempo a un abismo, tamén este olla dentro de ti». Ese é o risco -a portaxe- que a espectadora ou espectador de «Environments» deberá asumir.

Rubén Ángel Arias, Outubro de 2016

Inauguración no Pazo de San Marcos, Lugo.
Entrevista a Jon Gorospe. Zigzag, TVG.
Exposición no Museo Municipal de Ourense
Entrevista a Vítor Nieves en Ourense

Créditos Jon Gorospe. ENVIRONMENTSNo 2016, o xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea estivo composto por Santi Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC); Ana Matos, directora da Galeria das Salgadeiras (Lisboa) e curadora independente; Silas de Paula, profesor de fotografía e comunicación na Universidade Federal do Ceará en Fortaleza (Brasil) e fotógrafo; Xosé Lois Vázquez, Director do Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; Vítor Nieves, Curador da Sección Oficial do Outono Fotográfico e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e fotógrafo, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo) e Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación universitaria en Ourense (representando á Xunta de Galicia). Exerceu como secretaria Manú Gallego, secretaria da Asociación Proxecto Benito Losada.

+info: Jon Gorospe