DANIEL DÍAZ TRIGO

I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Posesións para un esquecemento

O título do proxecto seleccionado no Premio no 2013, fai referencia ao xeito de traballar de Daniel Díaz Trigo . O proxecto é unha viaxe subxectiva ao microcosmos persoal e cotián do autor, ademais dunha viaxe nun pequeno espazo, a Terra Chá luguesa.

O día que se reuniu o xurado, malia a diferencia evidente na concepción da fotografía e a diversidade na formación dos compoñentes , tivo unanimemente claro cal era o proxecto seleccionado por reunir os requisitos que se buscaban para un premio deste nivel, alén de ser o proxecto mellor presentado. A convocatoria foi secundada por autoras e autores de 10 países, con proxectos de grande calidade, polo que ao xurado foille complicado chegar a quedarse cos de Antonio López Losada, Daniel Díaz Trigo e Jose Rodríguez Romay, que foron os tres finalistas.

No caso de Díaz Trigo, o Premio vén recoñecer unha longa traxectoria como artista, tanto na fotografía, como na pintura ou na ilustración, de sobra coñecida pola súa contorna, e que xa deu froitos en varias publicacións e coa participación en varias exposicións. Co nomeamento de Daniel como Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, péchase un círculo; xa que hai 31 anos, un lugués, Benito Losada, comezaba cun proxecto chamado Outono Fotográfico, e hoxe, outro lugués enceta outro, que, paralelo ao festival, nace coa pretensión de ter longa vida.

Posesións para un esquecimento é un proxecto no que Díaz Trigo leva traballando máis de sete anos. Nel mestura o peso documental implícito desde o nacemento da fotografía, coa plasticidade e conceptualidade que o medio acadou co paso ao eido das grandes artes. O proxecto pretende pór de manifesto unha harmónica conxunción entre memoria colectiva e íntima, un paseo pausado polas lembranzas e o esquecemento, mais tamén polo seu territorio, acoutado nuns poucos quilómetros. O autor presenta o resultado da teima pola compilación de lembranzas que materializa en forma fotográfica para que non sufran o abandono na memoria persoal, e no maxín colectivo e institucional.

Nas imaxes mestúranse os ecos das verbas da intrahistoria e as da comunidade, e pretenden ser unha contribución á construción social do pasado, propoñendo outro esquecemento distinto ao dos medios de comunicación ou ao da desidia institucional. Formato e linguaxe alternativos para dotar de visibilidade e de existencia a un territorio común, sen sentar cátedra, sen titulares.

En canto á forma, no proxecto conviven fotografías ao máis puro estilo documental, cunha plástica evocadora doutro tempo, con grandes panorámicas de fotomontaxes e imaxes nas que se mestura até o debuxo e a pintura, e nas que non se documenta unha realidade, pois nunca existiu, pero que pretenden apropiarse da memoria de quen as ve para formar parte do fondo documental persoal, e en definitiva, da memoria.

O traballo de Díaz Trigo, está ateigado de “voces que non se oen, de silencios que xa non se lembran” como dixo o propio autor na inauguración. A exposición divídese en catro capítulos que traballan espazos significativos que mapean a Terra Chá. Así, ao longo de “O Campo”, “A Colonización”, “As Torres de Arneiro” e “O Manicomio”, vaise debullando a historia recente da veciñanza da comarca luguesa, a través da cal se poden seguir os feitos históricos que sufriu Europa o século pasado, dun xeito intimista até o punto de fotografar un espazo moi próximo, que fala tamén da historia persoal e familiar.

Inauguración no Pazo de San Marcos de Lugo.
Entrevista a Díaz Trigo na TVG.