Rururbania Salnés
Mapeamentos do non-País
A cotío topeneamos con traballos fotográficos que nos devolven unha nova visión do territorio que habitamos construída por unha fotógrafa ou fotógrafo de fóra, e claro que, ter unha visión non poluída polo devir dos ollares que se ateigan na liña vital, axuda a ter un artellamento da percepción distante o suficientemente crítica coma para ter unha análise non intervida por factores externos ao desenvolvemento do proxecto fotográfico.
Non é este o caso de Jose Romay, que convivindo desde que nace coa paisaxe que fotografa, é quen de acadar a distancia que o pon sobre un outeiro desde o que planifica un mapeamento de seu do Salnés e as súas lindes no que deconstrúe as iconas que a priori poidamos ter da comarca e, malia ter claros referentes en estudos do desfeitismo ou feísmo no noso País, configura unha linguaxe propria que sitúa Rururbania Salnés lonxe dos documentais que se teñen feito na Galiza até o momento. Estamos, pois, ante un marco na historia contemporánea da fotografía da Galiza, obxectivo para o cal se creou este premio, hai dous anos.
O traballo de Jose vai de retratar un país sen espellos para se reflectir. Vai de recoller as pegadas desa cidadanía que non ten consciencia de selo. Pero ao mesmo tempo persegue ese país e arenga esa cidadanía. O feito de ateigar imaxes facendo un continuo inacabábel xera en quen as ve unha reflexión inequívoca que atravesa de xeito transversal a concepción do Nós. Romay acada ese continuo conscientemente pois, malia que en cada fotografía nos apresenta un espazo acoutado, a repetición lévanos, nesa forma de percepción, a imaxinar un todo feito dos anacos fotografados. Sabemos que é unha procura consciente pola disposición do seu traballo, pola conceptualización, até polo xeito no que escolle as localizacións e non as muda por outras na súa folla de ruta no intre da toma fotográfica ao longo dos dous anos nos que fotografou esta rururbania. Aliás preséntasenos coma un xogo inconsciente, bañado con doses de retranca e unha calidez esaxerada que edulcora a mensaxe, seica para restar agresividade e tensión na lectura.
En Rurubania Salnés vemos ao neodocumental apropriarse da linguaxe clásica deste xénero para manipulala coma xa fixeran os coetáneos americanos de Romay. O autor explora os límites entre o rural e o urbano, o construído e o natural. Deseña unha análise ben diferente ás que se teñen feito do espazo común de noso. Nel anda á busca dunha lectura máis pausada da relación entre paisaxe e territorio cunha certa carga de ironía na mensaxe que enche as imaxes de elementos secundarios que non só xeolocalizan a fotografía senón que falan da intencionalidade do proxecto.
Esa xeolocalización feita para contextualizar o traballo nun espazo semella non aportar moitas dicas cruciais para a dixestión da serie, pois a minuciosa recolla que o autor fai, posíbelmente non se daría –alomenos deste xeito– en calquera outro recuncho do planeta. Porén son datos que precisa unha lectora allea/o á realidade galega que como sabemos, tenden a idealizar a realidade territorial desde un punto de vista do consumo turístico máis exoticamente fútil.
Jose Romay fala dun territorio hostil onde os límites entre o verde e o gris foron desleándose para dar en tons alaranxados que achegan o humanizado e o salvaxe, e que mesturan o industrial co habitábel. Como xa fixeran Robert Adams ou Stephen Shore para o libro norteamericano New Topografics na década dos 70, Romay retrata un Salnés “real” procurando unha confrontación dese suposto parangón paisaxístico que vira cada vez máis en territorio. Toda unha declaración de intencións que sitúa á comarca no extremo oposto aos postais que venden as colareiras mecas ou no casco vello de Cambados.
A Galicia borrosa de Santiago Lamas ten deixado pesados migallos no ollar de Jose Romay. Quizais o feito de ter relación coa obra editada no 2004 por Ediciós do Castro teña influído na iluminación destas imaxes nas que se impón un verniz dunha luz “galiforniana” que contrasta ironicamente co desfeitismo azul grisáceo que fagocita a zona máis turística do noso País. E non só.
Vítor Nieves. Curador
Exposición na Sede Afundación de Ferrol.
Jose Romay acada o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea no 2014. Un premio ex æquo que premia por igual ao ensaio "Le cirque noir" de Berto Macei. (Consulta aquí os compoñentes do xurado)