JOAN ALVADO

X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Os batismos da meia noite

Joan Alvado traballa sobre conceptos ligados á espiritualidade ancestral da cultura galego-portuguesa. As súas fotografías, cunha atmósfera onírica, debullan as prácticas de ritos e crenzas que aínda perviven nas serras da Raia, como a da Peneda, estrada de aldeas nas que se vive nunha intensa conexión coa contorna. Xentes que sempre habitaron unha total inmersión co natural, sen distraccións do isolacionismo citadino, o que lles permite unha interacción co medio e dálles unha comprensión do mundo completamente antagónica á vida urbana.

«Os batismos da meia noite» é un documental ficionado que, a través dunha gramática documental clásica –que denota as prácticas fotográficas do autor–, fía unha narrativa evocadora que pon imaxes ao intanxible da tradición e da memória das terras arraianas do Alto Minho. A exposición complétase con obxectos que o autor foi adquirindo no seu percurso polo territorio, con fotografías captadas con dispositivos automáticos no monte e cadernos con conxuros e responsos escritos polas persoas herdeiras destes saberes atávicos.

Joan Alvado. Altea, Alacant. 1979.

Fotógrafo afincado en Barcelona desde 2005. O seu traballo baséase no uso da imaxinación como ferramenta para reinterpretar o territorio e transcender a representación documental.

Parte da súa obra reside en coleccións públicas e privadas da Alemaña, Estados Unidos, Portugal, Francia e España. Expuxo en espazos como o Palau de la Virreïna (Barcelona), Fototeca de Cuba (A Habana), o Marion Center for Photographic Arts (San Diego, EUA), Museo de Fotografía da Fundación Antonio Pérez (Cuenca), Circulations Festival (París), o Instituto Cervantes de Belgrado ou a Fundación Michael Horbach, en Köln. Os seus proxectos foron publicados en medios internacionais como Newsweek, CNN, The Washington Post, El País, Der Spiegel, The Guardian, Liberation, Fisheye, Burn Magazine, Leica Fotografie International (LFI) ou La Repubblica, entre outros.

En 2021, Alvado foi convidado, polo estudio de Land art FAR021.3 e o concello de Arcos de Valdevez, para realizar unha residencia artística no norte de Portugal. «Os Batismos da Meia-noite» é o proxecto resultante e polo que é nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea na súa décima edición.

Está representado polas galerías de arte Marisa Marimón (Ourense) e Adorna (Porto, Portugal).


O xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea estivo no 2022 composto por Amaia Roldán, responsable da Galeria Cuarto Pexigo (Compostela); Xabier Fernández, fotógrafo; Rui Prata, curador; os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador Vítor Nieves; e por parte das institucións patrocinadoras, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Eva Torres, Directora dos espazos expositivos do Concello de Ourense (representando á Xunta de Galicia); e exerceu como secretario Pablo G. Prieto.