BERTO MACEI

II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Le cirque noir

A noite do cazador

Negro. A sombra invade a imaxe, invade todo. Negro case preto. Todo é tan escuro que prognostica o inminente. O fotógrafo amedrenta pois é neste traballo máis cazador que o que vai ao coto. A cámara dispara, mais non mata.

En Le cirque noir todo é sacudido e posto radicalmente en discusión. A superficie, antes conxelada, das verdades e dos valores tradicionais está esnaquizada e tórnase difícil proseguir no camiño, até avistar un acougo.

Berto Macei, constrúe o que semellan frames do período clásico do Film Noir, liberándose do complexo que supón repetir unha gramática manida desde a década dos corenta e nacida logo da depresión do 29. A propia nomenclatura que enfeixa as imaxes que nos presenta é clara, aliás de cada recurso que emprega na linguaxe visual, cada elemento que fotografa, ou o senlleiro xeito de evocación para quen ve as súas fotos, que rememoran fielmente os xeitos e procederes de directores como John Huston, Fritz Lang, Orson Wells, Robert Siodmak ou Charles Laughton.

En canto á forma, nesta serie fotográfica, o autor entende perfectamente o que xa dixera James Monaco en American Film Now, referente a que o Film Noir non é un xénero per se, senón mais ben un estilo visual. Por tanto, nas súas fotos podemos ver claramente unha estética fortemente influenciada polo expresionismo alemán ben pola iluminación ou a ausencia dela, ben polo punto de vista.

Mais se atendemos ao fondo, tamén Macei nos leva – coma os filmes – ao realismo poético francés cunha sorte de fatalismo que rodea ás personaxes que fotografa ou aos sempre recorrentes heroes vidos a menos. En cada imaxe vai facendo énfase na autenticidade, coma no neorrealismo italiano. Se The lost weekend ou In a lonely place se esforzan por retratar persoas comúns ou con vidas ordinarias, botando man de extras non profesionais, en Le cirque noir faise a elección consciente dun circo despoxado de ostentosidades que camiña no mole gume entre o espectáculo e a decadencia.

Berto Macei traballa co beneplácito da noite, como moitos dos detectives que protagonizan os filmes que parafrasea. Vai cazar para ateigar o seu peto de imaxes, como fai Ben Harper (Peter Graves) cos cartos en A noite do cazador (The night of hunter). Logo volta á casa para agochar en segredo o recadado e parabenizarse como fixo Harper. Asemade establece, coma el, unha relación co “roubado” entre o amor e o odio, que no filme se representa nas tatuaxes de Harry Powell (Robert Mitchum) que nos cotelos da man dereita deixan ver a palabra love e hate nos da esquerda. No traballo de Macei represéntase nese achegamento ás personaxes e como as illa ao mesmo tempo interpoñendo elementos visuais entre elas e a cámara.

O contraste que supón retratar en branco e negro un espazo que a priori soñamos en cores saturadas, e que se redunda co contraste procurado na iluminación e no acabado das imaxes, preséntanos un documental dun xeito radicalmente oposto ao agardado. Isto ponnos en alerta e xera unha certa tensión que nos afasta do aprendido, por tanto, do esperado, e métenos na obriga de facer unha relectura nihilista dun mundo que soñamos dun outro modo.

Conscientemente, como tamén fixera o cinema, Berto Macei narra dun xeito un tanto iconoclasta na que as personaxes que idealizamos desde crianzas pasan ao territorio do común, fiscalizando as súas miserias alén de grandezas e capacidades que airean publicamente. Así, o autor, deconstrúe imaxe a imaxe o celme máxico do mundo circense para achegalo á atmosfera do cinema negro con todos os seus adornos e clichés. Recursos coma os encadres aberrantes, puntos de vista a ras do chan e até cortinas interpostas que proxectan sombras nas personaxes – toda unha icona do Film Noir – reflicten novas premisas para entender un mundo que malia ser coñecido, require a nova interpretación que aquí se presenta.

Ao caer a noite, caen as convencións, caen as construcións atávicas, e a voracidade do chiaroscuro avanza cara un estado no que todo é susceptíbel de ser cazado.

Vítor Nieves. Curador

Entrevista ao curador na Porto TV nos Encontros da Imagem.
Presentación da exposición no Museo Municipal de Ourense.
Berto Macei acada o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea no 2014. Un fallo ex æquo que premia por igual ao documental "Rururbania Salnés" de Jose Romay. (Consulta aquí os compoñentes do xurado)