FELIPE ROMERO BELTRÁN

VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Redución

Felipe Romero Beltrán é un deses artistas obstinados en transitar por camiños que o levan á mesma meta. Se botamos unha ollada aos seus anteriores proxectos vemos como o conflito é o seu leitmotiv, e abórdao desde puntos ben diferentes, como os muros da franxa de Gaza ou a sociedade no posconflito colombiano. Neste seu último traballo explora o conflito a través da violencia estrutural sobre os corpos e pon de manifesto a realidade que viven a diario as persoas migrantes.

Analizando os seus traballos en conxunto, percibimos que as violencias son unha, e exércense sempre desde o mesmo centro cara as marxes. Así, os Estados e as súas sociedades precisan a violencia para consolidar e soster o Sistema e as súas xerarquías. Segundo a filósofa feminista Martha Nussbaum, as sociedades definen algúns seres humanos como inferiores, unha farsa para protexer máis firmemente ao grupo dominante polo medo da súa propia animalidade e para estar máis lonxe da mortalidade. As maquinarias dos Estados traballan a diario para isto cumprindo a todas luces os 11 principios criados por Goebbels, os que, ben artellados, obrígannos a situarnos dun lado ou doutro, xerando odio cara a outra parte, apuntalándonos así como portadores da veracidade que nos aferra á idea de transcender. Deste xeito, os Estados xeran ideas que exercen de piares básicos fundamentais sobre os que se constrúen as identidades, e calquera que tente mover eses piares terá como resposta a violencia amparada pola lei.

En outubro de 2019, Fernando Grande-Marlaska, Ministro do Interior do Estado Español, fixo unhas declaracións aos medios que aplaudiron os e as que defendían a violencia e foron moi polémicas entre as persoas agredidas: «…nunha democracia, o monopolio da violencia exérceo o Estado». Esto non é mais que a definición de Estado debullado por Max Weber na súa obra «A política como vocación». O concepto Gewaltmonopol des Staates (Monopolio de Violencia) define unha soa entidade, o Estado, en exercicio da autoridade sobre a violencia nun determinado territorio, o do Estado, destacando á policía e aos militares como os seus principais instrumentos para o uso lexítimo da violencia na execución da orde estatal.

A imaxe en xeral, e a fotografía en particular, foi sempre usada polos Estados, nesa aplicación dos principios da propaganda nazi de Goebbels referida anteriormente. A lexitimación da violencia por parte das sociedades ten moito que ver coa construción do ‘outro’ para autoengadirnos na ‘parte boa’, deshumanizando a quen ostenta o rol contrario, as identidades diferentes (/disidentes). Esta teoría é defendida pola tamén filósofa Hannah Arendt que asegura que é posíbel criar condicións baixo as que as persoas sexan deshumanizadas –como os campos de concentración, a tortura, a persecución ou a agresión física reiterada contra os corpos– e baixo tais condicións, o máis claro signo de deshumanización non é a raiba nin a violencia senón a evidente ausencia de ambas. Porén, que un individuo ou unha poboación se mostre indolente fronte á violencia exercida sobre corpos anónimos, máis que unha deshumanización, é unha humanización da violencia a través da súa incorporación (no sentido bourdiano). E é que, como di Javier Muguerza, situarse nun ou noutro rol ten que ver, en gran medida, coa imposibilidade social, política e cultural que se ten de recoñecer que superar o conflito non só é un proceso para as vítimas, senón tamén para os vitimarios, e como as prácticas do conflito fixeron que en determinados casos sexamos os uns ou os outros.

«Redución» é un ensaio fotográfico que indaga sobre os procedementos de redución e sometemento policial a persoas ‘indocumentadas’ no territorio do Estado Español. O proxecto está composto por varios capítulos con diferentes gramáticas. Nun deles, ao contrario da teoría que vimos de falar, as imaxes de Romero Beltrán, teñen a capacidade de situar ao espectador ou espectadora na outra parte. Nelas son representadas as persoas migrantes ‘indocumentadas’ con escenificacións que beben directamente da fotografía de moda. A estetización da violencia e o feito de sustituir ao axente de policía (brazo executor da violencia do Estado) polo individuo receptor desa violencia (migrante ‘indocumentado’) fainos empatizar cos corpos violentados, o que nos axuda a entender tamén como operan os mecanismos e procesos de construción de imaxes da hexemonía, o maniqueísmo de pensar que nós sempre somos os bos e os malos sempre son os demais, a tendencia a reducir, simplificar ou xeralizar as cousas en base á confrontación de ideas que xoga a situalas no que entendemos como o ben e o mal (occidente e oriente, cristiáns e árabes, brancos e negros, heteros e gais, norte e sul, constitucionalistas e independentistas…), sen matizar, personalizar, ou concretar as diferenzas. Todo isto, segundo Vicenç Fisas, experto en procesos de paz, ten que ver co fatalismo e a transmisión do oído e a vinganza de parámetros baixo o paraugas de que son demos, herexes, proscritos, malvados ou perversos. O que dificulta enormemente comprender o contexto das cousas e a historia que as precede.

Noutro capítulo, o autor sérvese da linguaxe documental para facer unha colección de espazos transitados polos protagonistas de «Redución», as persoas migrantes. A condición ilegal do (corpo) inmigrante determina se pode ou non transitar regularmente por todas as rúas. Os percorridos diarios das persoas migrantes vense afectados se estas non posúen documentos de identificación. A policía realiza periódicamente revisións nas áreas nas que estatísticamente poden atopar máis persoas ‘indocumentadas’, as chamadas Zonas Quentes, e cada vez que se evidencia a presencia policial nesas áreas, as persoas migrantes evitan ditas rúas para non seren descubertas. Felipe Romero realiza un inventario desas Zonas Quentes cunha particular construción: apreséntanos rúas desprovistas de elementos identificadores, de forma que poderían ser de calquera cidade, nun intento de achegar ao espectador ou espectadora á historia. As escenas baleiras de corpos lévannos a pensar nesa mudanza de hábitos no tránsito habitual das persoas migrantes, nunha nocturnidade só truncada por un esaxerado flash directo que lembra ás escenas de Weegee de principios do século pasado. Semella que fixo as imaxes desaprendendo a ser fotógrafo, quizais para mostrarnos un mapeamento que imitaría ao feito polas propias persoas migrantes como posíbel arquivo documental e informativo que compila as Zonas Quentes co gallo de evitalas.

Felipe tamén nos presenta documentación de manuais da policía española aos que tivo acceso e dos que se apropia para traer ao seu proxecto. Nestes documentos, algún deles pertencentes ao Manual de Defensa Policial establecido polo Cuerpo Nacional de Policía fálase das técnicas para reducir os corpos exercendo a forza a través de técnicas de combate, na tentativa de salientar tamén a opresión do poder establecido. Ademais dos textos, son de gran potencial as imaxes extraídas destes manuais, e que dan a entender como a violencia é normalizada polos que a exercen. O sociólogo polaco Zygmunt Bauman facía referencia a como nos campos de concentración, a violencia é percibida como unha ‘actividade’ cotiá, ao punto de considerarse dentro da categoría de actividades laborais. Neste contexto, e no noso entorno, tamén se poden referenciar numerosos casos nos que os individuos que pertencen aos corpos policiais do Estado, consideran a violencia como parte do seu traballo.

Vítor Nieves. Curador da exposición

Vítor Nieves fala de Redución no Zigzag da TVG.
Inaugaración da exposición (vídeo da Fundación TIC)
Exposición no IPCI de Lisboa.
Inauguración no IPCI de Lisboa.

No 2019 o xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea estivo composto por Marisa Marimón, galerista; Carlos Fontes, Director Artístico do festival internacional de Fotografía e Artes Visuais Encontros da Imagem (Portugal); António Pedrosa, fotógrafo documental e director do Instituto de Produção Cultural e Imagem (Porto, Portugal); Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; Vítor Nieves, curador independente e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo); e exerceu como secretaria Ofelia Cardo (en representación da Xunta da Galicia).

+info: feliperomerobeltran.com