LOIS CID

IX Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Estruturas de fusión

«Estruturas de fusión» é un traballo que se centra na análise dos materiais cos que o ser humano transforma o terreo, e, ao mesmo tempo, estuda a implicación deste na creación e modificación da paisaxe contemporánea.

Mais as pezas de Cid non se circunscriben só á Sala da Deputación, xa que días antes, o artista dedicouse a facer varias intervencións en espazos públicos da cidade co obxectivo de pór en dialogo as súas creacións cos espazos de construción e/ou derrubamento que hai actualmente na cidade amurallada.

É este un proxecto que indaga nos espazos en construción como se fosen un xacemento arqueolóxico para analisar os resíduos que fican despois do levantamento dun edificio, relacionándoos cos entullos xerados polo derrube de antigas construcións. Lois Cid traballa sobre os conceptos ligados á temporalidade, a inestabilidade e a disfuncionalidade. Deste xeito torna os procesos de construción e colapso nunha mesma entidade difícil de diferenciar.

A fotografía xoga un papel esencial na práctica artística de Lois Cid, mais non o único. Na exposición poden verse varias instalacións e mais un vídeo que recolle accións feitas en diferentes espazos da cidade de Lugo. Estas accións teñen o obxectivo de pór en dialogo as fotografías cos espazos en construción e/ou derrubamento que hai actualmente na cidade. Mais tamén pretenden ser micro-exposicións efémeras que alongan a Sala do Pazo de San Marcos, rachando a idea do Cubo Branco, e levando á cidade a súa obra, na procura non só de novos emprazamentos museísticos improvisados, senón tamén de novos públicos.

A exposición vista pola Fundación Tic.
Entrevista a Lois Cid sobre a exposición na TVG.

Lois Cid. Xunqueira de Espadanedo, 1993.

Formado en Fotografía Artística na EASD Antonio Faílde (Ourense), e graduado en Belas Artes pola AKI ArtEZ University (Países Baixos) e pola UCLM (Cuenca). Completou a súa formación cun Máster en Fotografía na Royal Academy of Fine Arts (Amberes, Bélxica) e con diversos obradoiros con diferentes artistas como Erik Kessels, Antoine D’Agata, David Jiménez, Virgílio Ferreira, Ion Arretxe, Jose Luis Alcaine, J.M Navia, María Cañas, Petros Efstathiadis, Maria Sturm ou Peter Granser entre outros.

Entre as súas exposicións individuais destacan «I can’t hear the noise of the city because of the birds» (Holanda, Países Baixos, 2021), «Estruturas de fusión» na Monty4 (A Coruña, 2021), «Corpo a terra» (Pontevedra, 2020),
«Sobre a paisaxe coñecida» (Lamosa, Cuenca, 2019), «Cara o territorio concreto» na Facultade de Belas Artes de Cuenca (2019), «New Land» en Dispara (Pontevedra, 2018)
e na XPO (Enschede, Países Baixos, 2019)
e «Plantas institucionais» na Facultade de Belas Artes de Cuenca (2017).

A súa obra tamén foi parte de exposicións colectivas en Photo Open Up (Padua, Italia), en De Tank (Bruxas, Bélxica), na Royal Academy of Fine Arts, no The Temple e na FOMU (Amberes, Bélxica), na Grosvenor Gallery de Manchester, no festival Encontros da Imagem (Braga, Portugal), no Museo de Pontevedra e na Fundación Amelia Moreno (Toledo) entre outras.

O seu traballo foi recoñecido co Premio Horlait Dapsens Fundation (Bélxica, 2020), co Accésit Máster Mapa da Lens Escuela (Madrid, 2019) e foi finalista da Beca Roberto Villagraz (Efti, Madrid, 2019). Desfrutou da residencia artística ARE Holland (Países Baixos, 2021) e da Beca ESMAD Summer School (Póvoa de Varzim, Portugal, 2019), no mesmo ano que participou no Encontro de Artistas Novos (Santiago de Compostela).


O xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que visualizou máis de 120 proxectos inscritos, chegados desde máis de 20 países, estivo no 2021 composto por Estefânia R. de Almeida, responsable da Galeria Adorna (Porto); Iñaki Martínez Antelo, xestor cultural e curador; Jon Gorospe, artista gañador da IV edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea; os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador Vítor Nieves; e por parte das institución patrocinadoras, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Ofelia Cardo, artista e profesora (en representación da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia); e exerceu como secretario Pablo G. Prieto.