VIRGINIA ROTA

VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O mundo ao principio

Ao principio achamos beleza en todas as cousas e damos importancia a aquilo que realmente pesa en nós. Mais son conceitos que non sobreviven á morte da infancia, que desaparecen abruptamente cando todo se vai enchendo de prioridades absurdas que cegan o noso ollar, para facernos esquecer de como se compón unha imaxe, e así, tal e como desaprendemos a beleza, construimos vitalmente imaxes de atordoamento movendo a concepción do termo “importante” desde o que realmente pesa cara a levidade efémera.

O ensaio de Virginia Rota nace da necesidade de voltar ao momento anterior á toma de conciencia do horror, a volta ao tempo da inocencia nunha procura persoal que lle é precisa. Esa busca incesante, tamén en ensaios anteriores, faina desta volta mergullándose na identidade das crianzas, todo un alegato á sabiduría da infancia, un retrato á liberdade de pensamento.

Virginia traballou neste proxecto durante tres anos, man a man coas crianzas, que son coautoras* deste ensaio. Dun xeito case involuntario, acota as idades entre os 4 (idade considerada madura para a comunicación e comprensión verbal por algunhas expertas) e os 11 anos (idade na que aproximadamente comeza a adolescencia). Nun primeiro encontro entrégalles unha cámara fotográfica desbotábel e realiza o retrato. Cada crianza terá un prazo de entre unha semana e un mes para fotografar a beleza e o importante, sen dar ningunha dica máis e pedindo ás nais e pais que non interveñan nas decisións e escollas na toma fotográfica. Ao finalizar o carrete de 27 fotos, combina con cada unha delas para conversar sobre as imaxes e o que fotografaron. A escolla da cámara dun só uso non é por acaso. Virginia quere que as crianzas sexan conscientes da finidade das tomas para un aproveitamento óptimo, quere ademáis que fotografen cun obxecto que lles pertence e, tamén, que tomen posición ante o fotografado, por iso escolle a ausencia de tecnoloxías como o zoom.

As fotografías das crianzas teñen un aspecto tosco, nun intento de lembrar as primeiras fotografías da historia, nas que o importante era que ficase a “realidade” plasmada na emulsión. Neste traballo son tamén as primeiras fotografías da historia de cada unha das crianzas. Apresentadas como un traballo coral, cunha ocultación da autoría consciente, vemos como os e as nenas, sen ter estudos de arte, son quen de facer composicións que redundan regras archicoñecidas de composición e de teoría da imaxe. Aliás, podemos tirar unha conclusión clara: aquilo que lles preocupa é o que perseguiron centos de artistas ao longo da historia da arte. Malia non traballar cunha intencionalidade artística, nas 27 tomas son recurrentes e tratan constantemente de reter unha idea, tratando de definir un tema específico que é, ao mesmo tempo, inmenso. «Poderiamos dicir que estamos ante algo infinito, que non se pode acotar nin soster, e as crianzas son conscientes disto e así o plasmaron tanto no proxecto, como nas cartas e conversas que tivemos despois das tomas fotográficas. Tratan de agarrar o inenarrábel, sabédoo durante todo o proceso da batalla. Olga, de 11 anos, contábame que tratara de fotografar o que non podía levar á casa, como por exemplo, a natureza» relata a propia artista.

En canto á serie feita por Rota, non dista moito do que xa nos ten afeitas co seu traballo tanto autoral como profesional: retratos que nos ollan facéndonos inquéritos e mostrándonos a alma toda. Como en «Saudade» ou «Cine», fai un uso maxistral da iluminación, ou mellor dito, da falta desta: das sombras. Mais desta vez cun novo factor en xogo: a cor. A autora acorda levemente a tonalidades intensas no claroscuro, quizais achegándose á infancia perdida na procura desa inocencia morta da que ela mesma fala, ou se cadra, no camiño cara a madurez como artista.

Vítor Nieves. Curador da exposición

*Son coautoras/es nesta exposición: Agus, Aida, Alejandro, Ayelén, Carlitos, Carlota, Claudia, Claudia, Elisa, Elisa, Iago, Julieta, Luna, Luna, Mario, Mario, Martina, Nico, Olga, Pedro, Saphyre, Simón, Soleá, Yago.


No 2018 o xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea estivo composto por Carmen Dalmau, directora da galería Cero, profesora en EFTI crítica e curadora independente; Isabel Lázaro, xestora cultura, fundadora do Art Deal Project e directora do Art Photo Barcelona; Ánxela Caramés, curadora independente, crítica de arte e investigadora en arte feminista; Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico, editor e fotógrafo; Vítor Nieves, xestor cultural, curador independente, editor e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea; Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo) e Fernando del Río, fotógrafo do Museo Arqueolóxico de Ourense (representando á Xunta de Galicia. Exerceu como secretaria Ofelia Cardo, profesora da EASD Antón Failde.

+info: virginiarota.es