EVA DÍEZ

III Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Renacer

Enverdecer a memoria

Secan as herbas nos campos

e volven enverdecer,

así fan amores vellos

cando se volven a ver.

(Anónima, do cancioneiro tradicional. Recollida en 1986.)

Eva anda á procura. O particular deambular de pensamento ligado sempre a unha trashumancia vital, lévaa a meditar sobre o espazo de conforto e a ubicuidade do mesmo. Ese espazo concibido como guarida de acougo, que é algo xa recorrente na súa obra. Ela muda constantemente o concepto de habitabilidade, racha cos estereotipos e dá voltas de dentro para fóra para confrontar a Casa.

É unha desas artistas con discurso profundo e pausado, porque gosta de ver antes que fotografar. É escrava do pensamento e fuxe de ateigar imaxes de xeito compulsivo, mastiga a súa contorna e fagocita filosofías. Aliás ten dixestións lentas. Non concibe o mundo da fotografía como unha simple colección absurda de imaxes que o espírito de consumo degolador leva ao autor ou autora a unha voráxine de pertenzas bidimensionais que enchen maletas e atrapallan o camiño. Eva Díez fotografa para entender, e logo de debullar longos tempos, fixa en papel aquel coñecemento adquirido para partillalo nun intento dun novo feed back da espectadora para apropiarse de novas visións do seu cosmos.

Formalmente, entre “Os que habitan” (o seu anterior ensaio) e “Renacer” semellan aos ollos neófitos traballos distantes. Son. En tempo e en madurez. Mais non no xeito que ela ten de relacionarse co que a rodea e con esa procura do concepto Casa como albergue ou fogar.

Coma na copla tradicional que serve de cabezallo a este texto, Eva Díez enverdece as casas no punto e hora que as ve e establece unha relación con elas que poderiamos comparar con moitas formas de amor. Nese proceder de escenificación – habitual na súa obra – dá luz ás pedras que noutrora foran casas, humanizándoas na procura da calor que xa perderon polas fendas que se abren para dar paso á natureza voraz.

Lonxe de caer en artificios esteticistas, como xa acontecera no seu traballo anterior, o relacionamento que establece co fotografado vai para alén da iluminación e do atrezzo, pois para a artista ten máis peso o vital e que o propio click, que banaliza e desacraliza nun instante que podería até non facer ela. A relación coas ruínas convértese nun exercicio paradóxico no que, tendo como obxectivo procurar a reconciliación coa Casa como punto de partida e centro neurálxico e de acubillo, só consegue é atopar máis dúbidas que transporta á espectadora ou espectador.

O mergullo no seu traballo lévaa a adentrarse na historia da casa, a embebedarse das historias que ecoan nas paredes tombadas para ter unha relación que non fica nun simple rexistro fotográfico. Así, a iluminación que lle agasalla ás ruínas lévanos rapidamente a un pasado que se fai presente contínuo do que nos cuartos da casa tiña acontecido. Fálanos do humano, das rutinas, de tradicións, de historias familiares, e de historias que ultrapasaron as paredes da casa para ser de dominio da comunidade máis próxima.

Estamos ante o ensaio fotográfico elixido como o mellor traballo na Galiza neste ano. O traballo de Díez é un proxecto fotopoético que visibiliza de maneira radical as oposicións esenciais da fotografía: luz e escuridade, primeiro plano e plano de fondo ancorados por insinuacións de planos medios, vacuidade e porén presenza alén do que vemos. Renacer rexistra um oxímoron: unha extraordinaria beleza, aliás, inquietante.

O impacto da súa fotografía reside en construír unha paisaxe que renace dun mundo que agoniza, das ruínas que se resisten a desaparecer sempre que haxa luz que as ilumine. A mesma luz que se enfronta á escuridade que as condena ao esquecemento. A mesma luz que Eva vén de aportar para as fotografar.

Nas imaxes hai unha calma inquietante que conxela o silencio, que relata a poética presenza das sombras, o calar da vida, o esmorecer dos sons, a agonía das pedras… Imaxes oníricas que devolven a calor humana do lar aos restos decadentes e nos convidan a entrar nesas casas para sentir o misterio da súa poesía visual e, se cadra, revivir o que xa foi.

Vítor Nieves. Curador

Eva Díez fala de Renacer no Zigzag da TVG
Inauguración de Renacer en Lugo.
Renacer no Museo Municiapl de Lugo.

 

No 2015, o xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea estivo composto por Patricia Veloso, directora do festival Encontros de Agosto (Fortaleza), editora de Terra da Luz Editorial e galerista da Imagem Brasil Galería; Jose María Díaz-Maroto, fotógrafo e conservador da Colección de Fotografía de Alcobendas; Xosé Manuel Buxán Bran, curador independente e profesor na facultade de Belas Artes de Pontevedra; Xosé Lois Vázquez, Director do Outono Fotográfico; Vítor Nieves, Curador da Sección Oficial do Outono Fotográfico e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo) e Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación universitaria en Ourense (representando á Xunta de Galicia). Exerceu como secretaria Manuela Gallego, secretaria da Asociación Proxecto Benito Losada.