Diego de los Reyes Tovar NARCISOS

OURENSE, Museo Municipal, do 5 ao 17 de novembro.

Curador: Vítor Nieves.

diegodelosreyestovar

Narciso sangre

Diego de los Reyes ateiga o seu acervo particular de coleccións de novos modelos de masculinidade nunha teima por documentar ao que semella que é un novo home xurdido logo da revolución feminista e, nomeadamente, logo da visibilización da homoafectividade. Esta acadou unha popularización de roles que se lle viñan atribuíndo comunmente á muller e estandarizou certos canons que se estigmatizaban no proceder do que debía proxectar a figura do home.

Narcisos, ademais, quere dar unha idea dos novos vieiros polos que navega a fotografía, logo dunha outra nova democratización, ben distante daquela primeira lanzada por Kodak que provocara que a fotografía quedara ao alcance de calquera, o que xerara aos amadores do medio. Esta nova volta está relacionada ao uso do internet 2.0, e á proliferación e utilización dos perfís das redes sociais.

A tarefa consciente de construír un perfil público, leva aos Narcisos a autofotografarse, a configurar unha imaxe con límites (pre)definidos para proxectarse ao público. Retratos nos que os espazos e o corpo transcenden do privado e constrúen unha autofotobiografía que non sempre coincide coa realidade. Esto é algo recorrente na historia da fotografía, e até da pintura, pensemos nos retratos encargados polas familias reais europeas. Pero, a rapidez de vertixe de internet fai que estes retratos non teñan vocación de perdurabilidade – ao contrario dos que facía Goya – co que definirán unha personalidade válida só para un futuro ben curto.

O autor tenta buscar respostas nos procesos de representación e autorepresentación das construcións masculinas. Alén do estético, dá chaves en relación ao ego, aos valores, á pertenza ao grupo ou aos roles e á política, que xeran o debate que deconstrúe o home que, aínda actual, representa ao pasado, tratando de sentar precedentes nunha tarefa de documentación selectiva que xera ao modelo tamén actual, que representa ao futuro.

 

Diego de los Reyes Tovar
Sevilla 1977
Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid en 2012. Durante a carreira realiza un Máster en Deseño Gráfico e web na escola C.I.C.E. e cursos de fotografía dixital en escola C.E.S.; anteriormente estudou na escola de Artes e Oficios de Sevilla especializándose en fotografía artística en 1998. Participou en distintas exposicións colectivas en Sevilla e traballou como fotógrafo de moda e empresa. Xa en Madrid ve incrementado o seu interese polos conflitos de identidade, ao igual que polo descubrimento e redescubrimento de diferentes técnicas de expresión artísticas. Nesta época participa en distintas exposicións colectivas como 2804 Metros, Hotel Aneto, Zaragoza 2012 e 2013; Drawing Area, El Cubo Soma, Sevilla 2012; Postcards from the Edge, Visual AIDS, New York 2013. Foi seleccionado para o II Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela dirixido por Rafael Doctor en 2012. Realizou a súa primeira exposición en solitario titulada NARCISOS no centro cultural de Pozuelo de Alarcón en 2013.
Traballo en intentar buscar as claves nos procesos de representación e autorepresentación das construcións masculinas. Parto da base que estas representacións de xénero teñen fortes lazos con ideas de estéticas, ego, ética, valores, pertenza ao grupo, roles e política. Intento elixir imaxes do masculino que definan estes estereotipos ou prototipos da masculinidade actual. O proxecto ten como intención ver se existe.

Share on FacebookTweet about this on Twitter