PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA «Posesións para un esquecimento» de Daniel Díaz Trigo

LUGO, Sala da Deputación, do 28 de novembro ao 31 de decembro.

 

danieldiaztrigo

Posesións para un esquecimento, Daniel Díaz Trigo

 

O festival Outono Fotográfico, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, convocaron este ano o I PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA.

O premio ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento.

Alén diso, pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso país que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores/as tanto nacionais como estranxeiros.

O I PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA está dotado con 16.000 euros. E concedeuse un único premio consistente na PRODUCIÓN DUNHA EXPOSICIÓN que itinerará durante 5 anos e na PUBLICACIÓN DUN LIBRO.

Concorreron ao Premio proxectos de autoras e autores de 10 países.

O proxecto gañador do I PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA foi:
 «Posesións para un esquecimento» de Daniel Díaz Trigo (pódese conseguir o libro na web de Difusora de Letras, Artes e Ideas ou en librerías de Galicia).

Os finalistas do I PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA foron:
 Antonio López Losada por «Pacios 2011, retratos». Jose Rodríguez Romay por «Rururbania Salnés».
O xurado estivo formado por Manuel Sendón, profesor de fotografía na Facultade de BB.AA. de Pontevedra e co-director do CEF; Manuel Vilariño, Premio Nacional de fotografía do estado español; Ângela Mendes Ferreira, directora dos Encontros da Imagem; Xosé Lois Vázquez, Director do Outono Fotográfico; Vítor Nieves, Coordinador da Sección Oficial do Outono Fotográfico; Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (pola Deputación de Lugo); Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación universitaria en Ourense (pola Xunta de Galicia); Manuela Gallego Rodríguez, exercendo como secretaria.