EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS

 

MARES DOCES DE GALICIA
De José Luis González
Con esta exposición asistimos á presentación do novo proxecto levado a cabo polo galardoado e prestixioso fotógrafo submarino José Luis González. Un estudo da vida no curso dos ríos galegos.
No Centro Social Caixanova de Ourense, do 19 de outubro ao 25 de novembro

COTIDIANEIDAD
De Dolores A. Carretero Vaquer
A través destas imaxes, quere expresar a autora cómo imos pola rúa sen repararmos en moitos aspectos que están entrelazados na nosa vida, son cotiáns, pero, a súa vez, quedan afastados.
No Claustro do Mosteiro de Montederramo, do 27 de outubro ao 30 de novembro

A QUEN LLE IMPORTA A RÍA SE TEMOS FÚTBOL NO POBO?
De José Rodríguez Romay
Trátase dunha reportaxe, sacadas en diversas partes da ría de Pontevedra e o río Lérez. Retratan o problema da contaminación, sobre todo a causada pola industria papeleira da zona.
No Centro Comarcal de Terra de Caldelas, do 27 de outubro ao 15 de novembro

REFLEXIÓNS
De Olga Osorio
Os trinta retratados da mostra convértense nesta serie nunha especie de catálogo non exhaustivo das variadas relacións dos galegos co mar, unha relación que se particulariza en cada caso a través da imaxe que cada un dos retratados amosa nunha representación/reflexo especular, canalizada por un marco de madeira.
No Castelo de Castro Caldelas, do 27 de outubro ao 30 de novembro

GALICIAS
De Juan Rúa
Así, en plural. Porque Galicia é unha e son moitas ao mesmo tempo: a da costa, a do interior, a das praias, a dos montes, a urbana, a rural, a tecnolóxica, a tradicional, a de aquí, a espallada polo mundo enteiro...
No Centro de Saúde da Teixeira, do 29 de outubro ao 30 de novembro

ILUSIÓNS
De Luísa Lorenzo
Serie fotográfica na que a autora busca plasmar a parte equívoca do que percibe a través do obxectivo, sendo consciente en todo momento de que é a realidade convertida en fantasía, buscada de tal xeito.
No Centro de Saúde de Parada do Sil, do 29 de outubro ao 30 de novembro

ROSTROS E RASTROS DE EUROPA
De Antonia M.ª López Rodríguez
As cores e paisaxes que amosan as cidades europeas.
Na Sala de exposicións da Asociación Xuvenil Amencer, do 29 de outubro ao 16 de novembro

AUGA, AUGA, AUGA
De Francisco Menjivar
A auga, en moitas das súas posibilidades.
Na Casa do Concello de Cortegada do 29 de outubro ao 16 de novembro

ROMA SECRETA
De Carlos López Serrano
O fotógrafo quería afastarse, o máis posible, do álbum de fotos que todos temos como turistas da cidade eterna. Todas as fotografías co mármore como protagonista.
Na Casa do Escudo de Verín, do 31 de outubro ao 14 de novembro

MIRAR, UN LUGAR DISTINTO
De Stéphane Lutier
As imaxes son fragmentos das nosas lembranzas e veñen a plasmar o que pode ser un mapa do noso pasado máis intimo. Mirar é sentir...
Na sala de exposicións permanentes de O Potiños no Carballiño, do 1 ao 30 de novembro

SINAHÍ
De Antón García
Sinahí, a vida no deserto ou o deserto da vida. Unha pequena viaxe por unha paraxe tan desoladora como enigmática. A luz o invade todo, e o tempo parece deterse.
Na Casa das Crechas de Santiago de Compostela, do 1 de novembro ao 31 de decembro

PAISAXE URBANA
De Conchy Filgueiras
O branco e negro ao servizo da cidade, imaxes basicamente urbanas, frías, sen xente, un exercicio fotográfico resolto con competencia.
Na sala de exposicións permanentes de O Potiños no Carballiño, do 1 ao 30 de novembro

MINESTRA
De Tatiana Fernández
Mestura de detalles, texturas e cores. A fotógrafa recréase en minucias cun resultado visual agradable e de certo empaque.
Na sala de exposicións permanentes de O Potiños no Carballiño, do 1 ao 30 de novembro

SABÍAS QUE É ASÍ?: FLORES E INSECTOS
Mari C. Hernández Izquierdo
Apreciar desde a proximidade as flores e os insectos que poboan os arredores ourensáns, e dar conta da beleza que nos mostra a fotografía macro.
No Salón Multiusos – Campo da Feira de Maceda, do 2 ao 30 de novembro

SOIDADE COMPARTIDA
De Odavid Mate

Nas fotografías obsérvase a soidade do espazo e o tempo reflectida polo fotografo, a pesar de que algunhas delas están tomadas en grandes contornos urbanos.
Na casa do Concello do Carballiño, do 2 ao 30 de novembro

NOCTURNOS
De José Señorín
Recompilación de fotos feitas naqueles espazos que temos por cotiáns, vistos desde a perspectiva de descubrir a beleza romántica daqueles recantos que habitualmente nos pasan desapercibidos.
No Salón Multiusos – Campo da Feira de Maceda, do 2 ao 30 de novembro


INSTANTÁNEA
De Paco Núñez
Fotografías urbanas case na súa totalidade, nas que se destaca, conservando a cor, un elemento significativo en cada unha delas (un instante dentro da instantánea).
Na casa do Concello de Maside, do 2 ao 30 de novembro

NATUREZA NA NATUREZA
De Manolo Celta
O motivo central é o Parque do Carballiño cos seus reflexos. Recantos, fontes, chorros de auga, momentos tranquilos á beira dun lugar moi especial e interesante, preciso de ver con ollos de espellos.
Na Casa da Cultura e Xuventude de Xinzo de Limia, do 2 ao 15 de novembro

COMPLICIDADES
De Albert Brull
En «Complicidades» o que este autor fai é falar dos seus amigos, pero a súa vez, e cunha mensaxe agochada, fala de si mesmo.
Na Casa da Cultura de Allariz, do 2 ao 17 de novembro

AT THE CHECKPOINT
De Khaled Jarrar
O fotógrafo palestino quere mostrar as súas imaxes como testemuño da barbarie que se vive, todos os días, en Nablus. Organizada por Anacos da Cidade.
Na Residencia Sanitaria de Ourense, planta baixa, do 2 ao 18 de novembro

MAR DE FONDO EN CHIAPAS
De José Miguel Alfonso Suárez
Do chamado Exército Zapatista de Liberación Nacional. Organizada por Anacos da Cidade.
No Centro de Saúde «Valle Inclán», do 2 ao 18 de novembro

RETRATOS URBANOS
De Marcos Rodríguez
Cada día cruzámonos con miles de rostros descoñecidos, vidas anónimas mesturadas coa nosa, tan só un instante. Estas fotografías mostran ese instante de encontro, tal e como é.
No Centro de Saúde da Ponte, do 2 ao 18 de novembro

MODELOS DE CIUDAD. LA PERIFERIA EN EL CENTRO
De Pedro Gómez
Imaxes da periferia global. Onde a cidade se espalla sobre o territorio, avanzando imparable, arrasando lugares, historias dun pasado rural ou industrial. Organizada por Anacos da Cidade.
No Centro de Saúde «Novoa Santos», do 2 ao 18 de novembro

CIUDADES EFÍMERAS
De Sergio Belinchón
Mediado setembro, acaba a temporada alta do ocio costeiro... Os apartamentos quedan baleiros. Ocos como avespeiros de papel, non biodegradables...
No Centro de Saúde da Cuña, do 2 ao 18 de novembro

 

DIÁSPORA
De Eduardo Ochoa
«Diáspora» recolle aquelas fotografías feitas ao longo dos anos e que non entraron en ningunha das exposicións feitas polo autor, nas que sempre había unha unidade temática.
Na Sala de Exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, do 2 ao 30 de novembro

ESPECTRONAUTAS

De Jonathan Saldanha
O mapear humano do espazo exterior deixa un rastro de acumulación magnética. Satélites agrúpanse e sucédense na tarefa de retransmitir a realidade e de sintonizar o presente...
Na Biblioteca Universitaria do Campus de Ourense, do 2 ao 30 de novembro

FAJAE – GAMBIA
De Santiago Barreiros
África, case sempre colorista. Nesta ocasión, o fotógrafo deixa constancia da súa viaxe.
Na Casa da Cultura de Barbadás, na Valenzá, do 5 de novembro ao 10 de decembro

AUSCHWITZ-BIRKENAU
De Ainhoa Viñuela
175 hectáreas, máis de 300 barracas, 100.000 prisioneiros. Sen auga. Catro crematorios con cámara de gas. Ratas. Fosas para a incineración. Este só é un pequeno achegamento gráfico ao holocausto.
Na Sala Estudio Arte de Ribadavia, do 5 ao 30 de novembro

ARQUITECTURAS IMPOSÍBEIS
De Rocío Brage
Dúas ducias de fotografías realizadas en diversas viaxes e que, en palabras do escritor Vila-Matas, «marcan un dos itinerarios do meu propio mapa secreto».
Na Casa da Cultura de Pontedeume, do 7 ao 21 de novembro

INVERSO URBÁN
De Manuel Vázquez
Revisión da traxectoria fotográfica e videográfica do autor, da que se pode extraer unha constante: a do cuestionamento que se fai sobre a idea mesma da contemplación. Da Fundación Caixa Galicia.
No Centro Cultural Deputación de Ourense, do 8 de novembro ao 2 de decembro

ENRIQUE LISTA, LICENCIADO EN BELAS ARTES
De Enrique Lista
Que se fai con tanto titulado universitario? Axústase este modelo académico-produtivo ás demandas do mercado? Tería que axustarse só ao mercado? ...
Na Sala Alterarte de Ourense, do 8 de novembro ao 11 de decembro

TRAYECTOS
De Bea Romarty
Aproximación á obra da xove artista valdeorresa
Na Galería Volter de Ourense, do 9 ao 30 de novembro

JANITE
De Janite
Cunha ampla traxectoria no mundo da fotografía, este mozo santiagués, fotógrafo e ilustrador, é un apaixonado da fotografía de espectáculos, de concertos... www.janite.es
Na Casa da Xuventude de Vigo, do 12 ao 23 de novembro

G8
De Xosé Quiroga
Reportaxe fotográfica das mobilizacións pacíficas levadas a cabo na primeira semana de xuño en Heiligendamm (Alemaña), en contra do G8, o grupo de países que dominan a política mundial.
No Café cultural Auriense de Ourense, do 14 de outubro ao 15 de novembro

PANORÁMICAS GALEGAS
De Héctor Guzmán
Panorámicas da comarca do Carballiño, dos canóns do Sil e doutros puntos da xeografía ourensá. O dominio técnico posto ao servizo dunha gran sensibilidade.
No Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia en Ourense, do 14 ao 30 de novembro

OS CATRO ELEMENTOS: AIRE, AUGA, TERRA E LUME
De Antón Atrio
Proxecto de caracter interdisciplinar, co principal obxectivo de concienciar ao usuario do Museo da responsabilidade que temos cada un de nós ante o deterioro do medio e o cambio climático. ;
No Museo Etnolóxico de Ribadavia, a partir do 15 de novembro

O PASAXEIRO CASUAL
De Carlos Folgoso Sueiro
A fascinación do fotógrafo polo transporte público ven de lonxe; os trens, as estacións, os viaxeiros... A maneira en que o transporte público reflicte a sociedade chamara a súa atención desde que comezara a familiarizarse coa fotografía.
Na Casa do Escudo de Verín, do 15 de novembro ao 1 de decembro

GALICIA, SITIO Á PARTE DO MUNDO
De Carlos Folgoso Sueiro
Colección de paisaxes de diferentes lugares de Galicia e de retratos de xente, nas que o fotógrafo trata de reflectir a súa beleza e a súa diversidade. A introdución da exposición é de Xosé Carlos Caneiro.
Na Casa do Escudo de Verín, do 15 de novembro ao 1 de decembro

PETROGRAFIAS – PEDRA, PAPEL E...
As petrografías son o resultado do traballo dun escultor, Daniel Alonso, e unha fotógrafa, Natalia G. Devesa, que decidiron escribir un libro de poesía sen caer en estereotipos para construír algo orixinal.
Na Casa do Concello de Leiro, do 16 ao 30 de novembro

UNHA PELÍCULA DE PEL XIII: TRÁNSITOS DO MEDITERRÁNEO AO PACÍFICO
De Rosell Meseguer
Este proxecto céntrase na visión de paisaxes artificiais nacidas das tesoiradas da ciencia, a industria e a tecnoloxía. A súa materialización baséase en procesos fotográficos antigos así como o uso da fotografía dixital e a produción audiovisual.
Na Galería Marisa Marimón, do 16 de novembro a 31 de decembro de 2007

UNA GOTA DE AGUA, UNA GOTA DE VIDA
De Brigitte Grignet
Consta de 30 fotografías obtidas pola fotógrafa profesional Brigitte Grignet durante unha viaxe de 10 días a Gaza e a Cisxordania, nas que se reflicten 30 aspectos diferentes da auga nunha zona de conflito.
No Centro Comarcal de Terra de Caldelas, do 16 ao 30 de novembro

VISIÓNS
De Elisa Pereira
«Percorrido visual de pequenas cousas cotiás, captacións de instantes, o que vemos cando miramos. Cunha identidade persoal mostro as miñas impresións, mesturando cores, texturas..., historias.»
Na Casa da Cultura e Xuventude de Xinzo de Limia, do 16 ao 30 de novembro

INMIGRACIÓN, UN SOÑO... MOITAS REALIDADES
De Juan Pérez Míguez
A idea xeral é a de reflectir algunhas das múltiples situacións que lles poden acontecer a estas persoas que parten dos seus países cun único propósito: un futuro mellor («un soño») e que logo pode ter diversos finais («moitas realidades»).
Na Casa do Concello de Cortegada do 17 de novembro ao 2 de decembro

S-P (SELF-PORTRAITS)
De Roberto González Fernández
Unha serie de autorretratos nos cales o autor se transforma en artistas como Munch, Bacon, Rembrandt, Modigliani, O Greco,..., dos que Roberto González selecciona unha cor, unha forma, unha actitude, un elemento..., para representarse neste proxecto que tamén ten como base o paso do tempo e a súa pegada.
Na Galería Visol de Ourense, do 17 de novembro ao 13 de decembro

PRÓXIMA ESTACIÓN: CALCUTA
De Juan Díaz
Calcuta, a India. As principais estacións da cidade reciben diariamente milleiros de visitantes que veñen e van. Moitas familias fixeron destas estacións o seu lugar de residencia.
No Campus Universitario de Ourense, do 20 de novembro ao 7 de decembro

RETROSPECTIVA DE PLÁCIDO L. RODRÍGUEZ, 1980-2006
De Plácido L. Rodríguez
Percorrido ao longo de oito coleccións que marcan a traxectoria do fotografo, a través das que se aprecian as distintas miradas do autor neste cuarto de século. Distintas técnicas, branco e negro, cor, analóxico, semidixital...
No Museo Municipal de Ourense, do 21 de novembro ao 16 de decembro

CAIUCO (fame e emigración)
De Xacobe Meléndrez
Este proxecto poderíase chamar tamén hoxe patera, carabela no século XV ou transatlántico a mediados do século pasado. Trata unha reflexión sobre o fenómeno da fame e a emigración a través de elementos simples, cotiáns, naturais, que a fotografía eleva á altura de símbolos.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 28 de novembro ao 16 de decembro