EXPOSICIÓNS COLECTIVAS

 

25 OUTONOS
E outros tantos fotógrafos. Con eles celebra a Casa da Xuventude de Ourense os 25 anos de Outono Fotográfico. Mostra comisariada por Vítor Nieves.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 26 de outubro ao 13 de novembro
Na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, a partir do 23 de novembro

FOTOPRES’07
Certame de fotografía de prensa española, convocado pola Fundación “La Caixa” desde 1982 e con periodicidade bianual. O seu obxectivo é dar recoñecemento e difusión á fotografía de prensa e contribuír á consolidación do fotoxornalismo contemporáneo no noso país.
No Museo Municipal de Ourense, do 25 de outubro ao 18 de novembro

AELLA FOTO LATINA
O Festival de Fotografía Latinoamericana de París, na súa terceira edición, terá unha extensión simultánea no Centro Penitenciario de Ourense, coa coordinación do Movemento Artístico Internacional, MAI, e de Joaquín Balsa. www.aellafestival.com
Na Sala de Audiovisuais do Cento Penitenciario de Pereiro de Aguiar, do 12 ao 28 de outubro

TRAVISTAS
Nunha andaina polos montes do Tameirón en abril de 2007, o grupo de artistas plásticos composto por Isabel Somoza, Xavier de Sousa e Xosé Poldras recolleu paisaxes e texturas en forma de fotografías.
Na Casa da Viúva, do Concello da Gudiña, do 27 de outubro ao 30 de novembro.

11.º CERTAME DE FOTOGRAFÍA VIÑA DO CAMPO
Por undécimo ano, as Bodegas Docampo, de Sampaio-Ribadavia, reúnen os premios e as obras seleccionadas no seu certame: fotografías en cor con tema relacionado co mundo do viño e o seu contorno.
No Centro Comercial Pontevella de Ourense, do 29 de outubro ao 15 de novembro

IV CERTAME DE FOTOGRAFÍA UNIVERSIDADE DE VIGO 2007
Mostra cos autores premiados e seleccionados polo xurado, neste certame universitario.
No Edificio Politécnico do Campus universitario de Ourense, do 29 de outubro ao 18 de novembro

FOTOSONORA
A mostra é froito da colaboración entre o Departamento de Imaxe, da Escola de Imaxe e Son da Coruña e o Conservatorio de Música da mesma cidade. Unha invitación ao espectador para gozar dunha sorte de fusión entre a música e a fotografía.
Na Galería Sargadelos do Barco de Valdeorras, do 30 de outubro ao 14 de novembro

UNHA MIRADA AO CEO
Amósase unha mirada ao universo desde os ceos da provincia ourensá. A Lúa, planetas, nebulosas, cúmulos globulares, estrelas e constelacións, captadas polos astrónomos afeccionados que forman parte da Asociación Astronómica de Ourense.
Na Librería Eixo de Ourense, do 31 de outubro ao 30 de novembro

NEGRO NA TERRA, NEGRO NO MAR
O negro cubriu a terra e o mar de Galicia naquel ano 2002, e tamén antes, e despois do Prestige os montes seguen morrendo baixo as lapas de orixe humana e ninguén pode asegurar que non haberá outro Prestige no mar. Fotografías de Santi M. Amil, Nacho Gómez, Ricardo Rodríguez, Carlos Vázquez e Rosa Veiga.
No Ateneo de Ourense, do 1 ao 15 de novembro

CIDADES IRMANDADAS
Con motivo do encontro anual de cidades irmás do municipio portugués de Santo Tirso, a concellaría de Cultura desta câmara municipal portuguesa organizou este ano unha exposición fotográfica representativa de todas as cidades con que está irmandada esta localidade, entre as que se encontra Celanova.
Na Casa dos Poetas de Celanova, do 1 ao 15 de novembro

VII CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CLUBE ALPINO OURENSÁN
Premios e obras presentadas ao concurso social do Clube Alpino. Obras co tema da montaña.
No Liceo de Ourense, do 1 ao 15 de novembro

X PREMIO INTERNACIONAL DE FOTOGRAFÍA HUMANITARIA LUIS VALTUEÑA
O humanitarismo, o compromiso e a solidariedade, temas dos premios e fotografías seleccionadas neste certame de Médicos do Mundo.
No Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia en Ourense, do 2 ao 13 de novembro

O LALÍN DE ANTES
Fotos antigas –ao redor de cen– cedidas por persoas particulares, nas que se poderán observar os distintos aspectos da comarca: antigos edificios, paisaxes, cerimonias, etc.
Na Casa da Xuventude de Lalín, do 2 ao 23 de novembro

A MIÑA XERACIÓN / MI GENERACIÓN / MY GENERATION
Durante o curso 06-07 os alumnos do fotógrafo e artista Xulio Correa na Escola de Imaxe e Son de Vigo  fotografan á súa propia xeración.
Na Casa da Xuventude de Chantada, do 5 ao 23 de novembro

AUGA
O Centro de Maiores de Caixa Galicia en Ourense realizou un taller de fotografía dixital e programou unha saída para realizar fotografías no campo; o tema elixido foi «a auga».
O Centro de Maiores de Caixa Galicia en Ourense, do 5 ao 30 de novembro

MULLER, PODER E DIVERSIDADE SEXUAL: OS BIJAGÓS E ZAPOTECAS
Existen pobos, documentados antropoloxicamente, onde a muller desempeña un papel de primeira orde. Os bijagós de Guinea Bissau e os zapotecas do Istmo de Tehuantepec en México son dous exemplos excepcionais, onde as mulleres posúen poder e prestixio social.
Nos Xardíns do Campus Universitario, do 6 de novembro ao 9 de decembro

AS RAÍCES DA TERRA
Explica que é o chan, como está constituído, como funciona e que nos proporciona. En módulos temáticos cheos de fotografías con textos explicativos. Da Obra Social Caja Madrid.
Na Casa da Cultura de Monforte, do 6 de novembro ao 20 de decembro

CERTAME NACIONAL DE FOTOGRAFÍA SOBRE A DISCAPACIDADE

A colección reflicte momentos ledos, dramáticos, situacións, retratos, obstáculos urbanos que dificultan a mobilidade, e calquera instante na vida das persoas con discapacidade ou enfermidade mental. O certame está convocado póla Fundación Anade, e a exposición organizada por Aspanas de Ourense.
No Centro Multiusos de Aspanas en Ourense, do 6 ao 28 de novembro

 

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA PURIFICACIÓN GARCÍA 2007
Un dos máis importantes premios do país en canto a dotación e pola categoría dos premiados en edicións anteriores. Nesta quinta edición presentáronse máis de seiscentos fotógrafos. Premios e seleccionados.
No Centro Cultural da Deputación de Ourense, do 7 de novembro ao 12 de decembro

FESTIMAGE
O Festival Internacional da Imagem é unha iniciativa da Câmara Municipal de Chaves que aproveita as actuais tecnoloxías da comunicación para acadar, na súa segunda convocatoria, imaxes de medio mundo. www.festimage.org
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 14 ao 28 de novembro

VIAXANDO
As fotografías participantes no concurso que con ese título e tema convocaron a Casa da Xuventude de Tui e as Oficinas de Información Xuvenil da Guarda, O Rosal, Tomiño, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar e Baiona, para mozos de ata 30 anos.
Na Casa da Xuventude de Tui, do 9 ao 30 de novembro

17.º CERTAME FOTOGRAFÍA DE MEDIO AMBIENTE 2007
Premios e obras seleccionadas no certame organizado polo Ateneo de Ferrol, para celebrar o Día Mundial do Medio Natural, con obras de 50 fotografías en total.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 13 ao 27 de novembro

MIRADAS SOBRE OURENSE
Mostra Bibliográfica de parte dos fondos da Biblioteca, na que se amosan exemplares nos cales predominan imaxes de Ourense ou de ourensáns, ou fotografías realizadas por ourensáns.
Na Biblioteca Pública de Ourense, do 15 ao 30 de novembro

INTEGRA 2007
Fotografías realizadas polos alumnos do curso de fotografía dixital organizado por Galicia Terra de Acollida no marco do proxecto «Integra 2007».
Na cafetería La Cayaya de Ourense, do 15 ao 30 de novembro

2.ª EDICIÓN DO PREMIO BLANCO PASCUAL DE FOTOGRAFÍA DO IEV
O patrimonio cultural valdeorrés, en todas as súas formas e expresións, material e inmaterial, é o obxecto deste concurso que convoca, por segunda vez, o Instituto de Estudos Valdeorreses.
Na Galería Sargadelos do Barco, do 15 de novembro ao 1 de decembro

GALICIA EN FOCO
18.ª edición deste certame de fotoxornalismo organizado polo Clube de Prensa de Ferrol co fin de promover e potenciar o labor profesional dos fotoxornalistas que exercen en Galicia. Son imaxes que resumen un ano da prensa galega.
No Ateneo de Ourense, 16 ao 30 de novembro

CELANOVA: UN ANO EN IMAXES
A celebración do Ano Xubilar de San Rosendo promoveu ao longo de todo o ano unha serie de actividades relixiosas e socioculturais que deixaron estampas nalgún caso fermosas, noutros pintorescas e sempre interesantes para facer un reconto gráfico, agora que remata.
Na Casa dos Poetas de Celanova, do 16 ao 30 de novembro

BARREIROS, MOTOR HUMANO
Imaxes e textos sobre a vida persoal e profesional de Eduardo Barreiros, desde a súa infancia na aldea ourensá, o seu paso como aprendiz de mecánico, a primeira fábrica en Madrid, a súa alianza coa Chrysler Dodge e o primeiro Simca 1000, ata a súa volta ao mundo do motor en Cuba.
No Liceo de Ourense, do 16 ao 30 de novembro

FOTOLOGUEANDO
Iniciativa solidaria con imaxes recollidas de usuarios de fotologs, que crearon un con este obxectivo: www.fotolog.com/fotologue_ando. As fotografías estarán á venda e todo o recadado será entregado ao Comité Antisida de Ourense. Mostra coordinada por Otis.
No Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia en Ourense, do 17 ao 30 de novembro

ÁLBUM FAMILIAR
A Obra Social de Caja Madrid trae de novo ao Outono Fotográfico a súa recuperación da memoria, neste caso imaxes realizadas de 1939 ata 1978. Corenta anos da historia do noso país recollida en imaxes correntes, feitas por xente corrente, sen outra pretensión que o gozo ou a lembranza a través dunha imaxe nun anaco de papel. 
No Museo Municipal de Ourense, do 22 de novembro ao 16 de decembro

MULLERES VISTAS POR MULLERES. UNHA MIRADA DE XÉNERO (3.ª Edición)
Mostra colectiva de varias mulleres. Imaxes de mulleres, tiradas por mulleres e cedidas, por terceiro ano consecutivo, polo colectivo feminista Ciudad de Mujeres, para mostrar a súa visión da posición das mulleres no mundo. A mostra inaugurase no Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Organizada por Anacos da Cidade.
No Auditorio de Ourense, do 25 de novembro ao 8 de decembro

OS BARRIOS NO OBXECTIVO
As asociacións de veciños de Ourense, Carlasca, Cudeiro, As Eiroás, Os Montes, O Polvorín, Seixalbo e Tras Estación, co apoio da Concellaría de Participación Cidadá, organizan esta mostra a partir das súas fotos. A mostra inicia a súa itinerancia polas asociacións implicadas.
Na Asociación de Veciños O Polvorín, do 26 de novembro ao 3 de decembro

CONCURSO FOTOGRÁFICO
Mostra das fotografías presentadas ao concurso convocado (véxase «Concursos») pola Casa da Xuventude de Chantada.
Na Casa da Xuventude de Chantada, do 27 de novembro ao 14 de decembro

PERSEGUINDO A OTTO
Exposición colectiva dos alumnos do 2.º curso do Ciclo de Fotografía Artística da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense. Seguindo o pensamento de Otto Steinert, os alumnos presentan unha serie de fotografías tentando crear «fotografías subxectivas», indagando nas diversas posibilidades técnicas que abre hoxe en día a fotografía para expresarse.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 30 de novembro ao 16 de decembro

OLLADAS O MEU BARRIO... O POLVORÍN (3.ª Edición)
Escolma das máis de 250 fotos recollidas pola asociación de veciños deste barrio entre a propia veciñanza, e que mostra familias, grupos de amigos, lugares e personaxes, a maioría desaparecidos, que evocan a historia dun pasado recente do noso barrio.
Na Asociación de Veciños O Polvorín, do 14 ao 30 de decembro