PARTICIPACIÓN OUTONO FOTOGRÁFICO
BASES
Non se aceptarán exposicións enmarcadas con cristais. As fotografías virán montadas en soportes adecuados para a súa exposición e debidamente protexidas. O Festival non se responsabilizará de dano algún producido nas obras durante o seu transporte.

O Festival contará cunha axencia oficial para o envío das exposicións cunha tarifa especial que correrá a cargo das/os participantes.

As fotos en arquivos dixitais de alta resolución solicitadas nos formularios de participación son para seleccionar e publicar no catálogo e na web oficiais así como para a súa distribución á prensa e redes sociais. A tales efectos, as/os autoras/es participantes ceden os correspondentes dereitos e aceptan a non remuneración de dita publicación en todos os casos.
Os arquivos dixitais das fotos solicitadas nos formularios deben ter unha resolución de 300 dpi e o lado maior debe medir 25 cm; a compresión .jpg será de alta calidade (pouco comprimidos). As fotografías deberanse enviar en RGB co perfil Adobe RGB (1998) ou ProPhoto RGB.

Ao inscribir unha exposición no Outono Fotográfico, queda a disposición do Festival os meses de outubro, novembro e decembro do ano en curso para a súa programación. Excepción feita daquelas exposicións que se inscriban xa programadas (con sala e data fixadas). A recuperación ou no seu caso devolución das exposicións poderá realizarase ata febreiro do ano 2017..

Na sección Outono aberto o Festival porá en contacto a/o autora/or co espazo expositivo e ambos coordinaranse para levar a bo fin o proxecto expositivo. As/os autoras/es dirixirán ou eventualmente realizarán a montaxe das súas exposicións e xestionarán a recuperación das mesmas.

Os proxectos expositivos nos que se requiran medios técnicos –equipos informáticos, de son ou proxección, etc.– estes deberán ser aportados e instalados polas/os autoras/es e os espazos expositivos. Se requiren medios humanos especiais –persoal técnico ou calquera outro tipo de intervención humana complementaria– deberán xestionalos entre ambos.

O Festival non manterá correspondencia ou negociación algunha sobre os aspectos derivados das Bases 1ª, 2ª e 3ª.